Galicia participa na mellora da capacitación laboral no eido das enerxías renovables mariñas a través do proxecto europeo Flores
- O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar coordina a iniciativa Visión de Futuro nas Enerxías Renovables Mariñas, na que interveñen un total de 15 socios de 8 países
- Esta acción, que arrancou en xaneiro e durará dous anos, contribuirá ao Pacto Europeo de Capacidades, apoiando ao consorcio no impulso da formación neste ámbito
O consorcio do proxecto Visión de Futuro nas Enerxías Mariñas Renovables (Forward Looking at the Offshore Renewables, Flores) iniciou este mes os traballos para impulsar a capacitación no sector das enerxías renovables mariñas baixo a coordinación do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, e financiado pola Unión Europea. Os investigadores de Flores centrarán os seus esforzos nos vindeiros dous anos en promover formacións específicas e carreiras neste ámbito profesional, organizar un observatorio da oferta e demanda de capacidades e o impulso de alianzas duradeiras para avanzar neste eido.
O sector das enerxías renovables mariñas xera na actualidade arredor de 80.000 postos de traballo en toda Europa e prevese que medre nos vindeiros anos. Tendo en conta este escenario, un dos grandes desafíos do proxecto Flores é cubrir a demanda de profesionais cualificados coas capacidades da poboación.
A iniciativa pretende contribuír así a que a oferta formativa en toda Europa atenda as necesidades actuais e futuras do sector habilitando un observatorio de aptitudes laborais. Ademais está previsto o desenvolvemento de materiais de formación para todas as idades e a difusión de oportunidades profesionais neste sector.
A maiores realizaranse accións piloto nas que se adaptarán os materiais formativos ás diferentes necesidades rexionais, constituíndo a semente para futuros grupos similares en toda Europa, integrados no consorcio a gran escala para promover a adquisición de coñecementos en enerxías renovables mariñas dentro do Pacto Europeo de Capacidades.
Para levar a cabo esta tarefa uníronse 15 organizacións de oito países de Europa. É o caso da Fundación Cetmar, a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime) e o Campus Industrial da Universidade da Coruña (UDC) en España, o Centro de Investigación e Tecnoloxía Hellas (Certh) grego ou Windeurope, a Universidade de Gante, o Sindicato Europeo IndustriAll e a Xunta Mariña Europea de Bélxica. Por parte de Irlanda participa o Consorcio Multimedia Aqualex, polos Países Baixos as empresas Deftiq e Bluespring, por Alemaña a Rede Submariña para o Crecemento Azul, por Francia tanto o Lycée Fulgence Bienvenüe como a Conferencia de Rexións Marítimas Periféricas e por Italia o Clúster de Tecnoloxía Marítima (mareFVG).
Este proxecto conta cunha financiación de 700.000 euros de Erasmus+ a través da Axencia Executiva Europea de Educación e Cultura (Eacea). Enmárcase dentro das accións para impulsar o Pacto Verde Europeo cara a unha transición xusta e fontes de enerxía limpas.
Medidas chave
O proxecto Flores desenvolverá accións piloto a nivel rexional para adaptar os materiais formativos á realidade das diferentes concas marítimas europeas no Atlántico, no Báltico e no Mediterráneo, estendendo ese coñecemento ao resto de Europa a través do consorcio a gran escala, e mellorará a oferta con enfoques innovadores para a formación continua. Ademais facilitará o acceso aos materiais didácticos existentes na actualidade e o desenvolvemento de novas ferramentas específicas e multilingües que promovan o coñecemento do océano, a incorporación continua de nova información e a sensibilización no sector.
Tamén está prevista unha análise estratéxica de capacidades, abarcando non só a situación actual deste ecosistema industrial senón tamén as perspectivas de futuro, especialmente en relación coas tecnoloxías emerxentes, ao tempo que se actualizarán os perfís ocupacionais da cadea de valor da enerxía renovable mariña, contribuíndo á actualización permanente da base de datos de Habilidades, Competencias, Cualificacións e Ocupacións Europeas (ESCO).
Finalmente, o proxecto creará o portal europeo oreskills.eu para promocionar os seus materiais de formación e o observatorio e centro de coñecementos das enerxías renovables mariñas, no que poden participar todas as partes interesadas.