A directora do CETMAR participa no Foro Empresa Pontevedra para falar da xestión do litoral en Galicia
- Rosa Chapela, directora do CETMAR, presentou a Estratexia Galega de Economía Azul como guía para un mar sostible e competitivo. Destacou o seu encaixe coa nova Lei do Litoral e o impulso a sectores emerxentes.

O Liceo Casino de Pontevedra acolleu hoxe a VI Xornada Triple Hélice. Foro Empresa Pontevedra, un encontro organizado por Foro Empresa Pontevedra coa colaboración e o patrocinio de Santander España, que reuniu representantes da administración, do sector empresarial e do ámbito científico para analizar a nova Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. A xornada, celebrada en formato xantar-coloquio, centrouse nos retos e oportunidades do novo marco normativo, aprobado pola Xunta de Galicia e recentemente avalado polo Tribunal Constitucional, tras facerse efectivo o traspaso das competencias do litoral á comunidade autónoma o pasado 1 de xullo.
Rosa Chapela, directora do Centro Tecnolóxico do Mar – Fundación CETMAR participou coa ponencia titulada “A Estratexia Galega de Economía Azul: un novo marco para a economía do mar en Galicia”, na que destacou que a Estratexia Galega de Economía Azul (EGEA) define o camiño de Galicia cara a 2030 dentro dun modelo de crecemento sostible baseado no aproveitamento responsable dos recursos mariños e costeiros.

A directora subliñou que a EGEA se articula arredor de tres eixos —sostibilidade ambiental, competitividade económica e cohesión social e territorial— e busca consolidar a Galicia como unha rexión europea líder en economía azul sostible, apoiándose na súa experiencia pesqueira, no potencial científico e tecnolóxico e na capacidade de cooperación entre administración, sector e sociedade civil.

Entre as principais oportunidades que ofrece este marco, mencionou a descarbonización da frota, o impulso ás enerxías renovables mariñas e á biotecnoloxía, o turismo mariñeiro e costeiro, e a formación e o talento azul. A estratexia non deixa de lado actividades tradicionais como a pesca, o marisqueo e a acuicultura, que son consideradas esenciais tanto na EGEA como na Lei do Litoral e conta cun orzamento de 114 millóns de euros ata 2027, destinado a accións como o Observatorio da Economía Azul, programas de formación e proxectos de gobernanza participativa do litoral. Así mesmo, Chapela destacou a coherencia entre a Estratexia e a nova Lei do Litoral, que establece un marco de gobernanza para un desenvolvemento equilibrado do espazo costeiro, resolvendo conflitos de uso e fomentando a colaboración entre sectores tradicionais e emerxentes.
Rosa Chapela concluíu a súa intervención expresando que a Estratexia Galega de Economía Azul representa “un compromiso de país que une tradición e innovación para facer do mar un espazo de futuro sostible, competitivo e inclusivo”.








