Novedades

Rosa Quintana destaca o papel estratéxico das empresas no exterior e anuncia un “especial empuxe” da Xunta de Galicia a este sector

Por 25 octubre, 2013 Ningún comentario

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, inaugurou hoxe o Foro “O papel da empresa como actor de cooperación ao desenvolvemento do sector pesqueiro. O caso de Namibia”, que se celebrou na sede da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo-ARVI. A conselleira destacou o papel estratéxico das empresas no exterior e anunciou un “especial empuxe” da Xunta a este sector que “vai xogar un papel no desenvolvemento dos países máis desfavorecidos” a través de proxectos sustentables e xeradores de riqueza e emprego.

Durante o acto de apertura do foro, no que estivo acompañada polo director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, a titular de Medio Rural e Mar asegurou que para o Goberno galego “hai unha cuestión básica e unánime que reside na consideración do noso sector exterior como estratéxico”. Unha liña de actuación na que, dixo, “hai que ir da man doutros moitos sectores e institucións, e especialmente da cooperación ao desenvolvemento”.

Rosa Quintana insistiu no “importantísimo” papel xogado polas iniciativas privadas no desenvolvemento en terceiros países. A conselleira recordou que para determinar os efectos desas inversións, o seu departamento impulsou en 2011 o proxecto “Análises de coherencia de políticas no marco do sector pesqueiro empresarial e o desenvolvemento económico sostible”, unha iniciativa levada a cabo pola Universidade da Coruña, o Centro Tecnolóxico do Mar e ARVI, con financiamento da Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo.

O devandito proxecto, no marco do que se celebrou este foro, centrouse en Namibia por ser un país no que concorreu “unha intelixente política de atracción de capital estranxeiro, de audacia e valentía dos inversores españois e de transformación nunha verdadeira potencia pesqueira internacional”, afirmou Rosa Quintana, ao tempo que  anunciou a súa intención e a do presidente da Xunta de visitar as empresas radicadas nese país.

Pola súa banda, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, destacou que a Cooperación Galega está especialmente interesada en fortalecer o papel das empresas galegas como axentes de cooperación, sobre todo naqueles ámbitos como o da pesca no que Galicia ten un claro liderado nacional e internacional.

Por este motivo, avanzou, o Goberno galego seguirá a apoiar iniciativas nesa liña, tal e como se porá de manifesto no novo período de planificación estratéxica da cooperación galega que comeza no vindeiro ano 2014.

Xa no período anterior, 2010-2013, o sector pesqueiro foi o sector estratéxico por excelencia para a Cooperación Galega e dos 7,4 millóns de euros destinados á infraestrutura e promoción do tecido económico, dous terzos destináronse a intervencións no sector pesqueiro e acuícola.”

Relatorios

O xefe da Unidade de Empresa e Desenvolvemento da AECID, Miguel Ángel Martínez, foi o encargado de abrir os relatorios sobre a empresa como actor na cooperación ao desenvolvemento, un tema do que tamén falaron Alberto López-Asenjo, conselleiro da FAO; Jorge Romón, representante de ARVI, e Annina Burgin, investigadora da Universidade da Coruña.

O Foro proseguiu cunha mesa redonda sobre as novas perspectivas de colaboración público privada no que participaron representantes de Cooperación Galega, ARVI, Universidade de Santiago e Coordinadora Galega de ONGs. As conclusións correron a cargo do doutor Enrique López Veiga.