A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, clausurou hoxe a conferencia final do proxecto europeo ARCOPOL PLUS, que se celebrou na sede da Fundación CETMAR en Vigo, para abordar a mellora da seguridade marítima e da resposta á contaminación costeira nas rexións atlánticas. A conselleira celebrou os avances na loita contra a contaminación mariña accidental gracias ao emprego de innovadoras tecnoloxías.
A titular de Medio Rural e Mar referiuse así ao uso de novas ferramentas audiovisuais, ao desenvolvemento e implantación de modelos de deriva ou ao emprego das novas tecnoloxías no seguimento das verteduras. Obter a máxima protección para as persoas, o medio ambiente e os bens que resulten ou poidan resultar afectados en calquera continxencia derivada dun episodio de contaminación mariña accidental é o obxectivo principal que, segundo Rosa Quintana, nos induce a participar nestes programas.
Nesa mesma liña, recordou a conselleira, Galicia aprobou no seu día o plan CAMGAL que “planifica e coordina as actuacións a nivel territorial dos distintos medios capaces de realizar operacións de loita contra a contaminación mariña accidental”, tanto os que pertencen ás administracións como a outras institucións públicas e privadas, “potenciando a adecuada utilización deses medios e fomentando a capacitación do persoal especializado”.
Rosa Quintana recordou que ademais de ser a Comunidade autónoma con máis quilómetros de costa, Galicia “mira ao mar, vive do mar e convive con el”. Por este motivo incidiu na importancia de programas como ARCOPOL PLUS que, dixo, “permiten reforzar a preparación e a resposta das rexións do Atlántico europeo ás verteduras de hidrocarburos e substancias nocivas e potencialmente perigosas”. Grazas a programas como este “estamos mellor preparados para afrontar os posibles episodios de contaminación accidental”.
A conselleira de Medio Rural e do Mar rematou a súa intervención agradecendo aos socios de ARCOPOL PLUS o seu traballo cara a defensa do litoral e afirmando que os resultados desta iniciativa supoñen contar cos medios que signifiquen vivir preparados para o que poida acontecer. “Programas como este demostran que as comunidades costeiras somos capaces de previr; que traballamos coa máxima de que os desastres son inevitables, o seus resultados non”, concluíu.
ARCOPOL PLUS
Financiado pola Unión Europea, o proxecto ARCOPOL PLUS púxose en marcha no ano 2012, coa participación de institucións de España, Portugal, Irlanda e Reino Unido. Coordinado polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, conta coa participación do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño-INTECMAR, dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar. Tamén forma parte do consorcio a Universidade de Vigo, as consejerías de Justicia e Interior e de Medio Ambiente da Junta de Andalucía; a Universidad de Cádiz; o Instituto Superior Técnico e o Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental de Portugal; o National Maritime College de Irlanda; e o Pembrokeshire County Council, o Public Health England e o Centre for Environmental, Fisheries and Aquaculture Science (Cefas) do Reino Unido.