Novedades

Representantes do sector naval debaten no CETMAR sobre a renovación tecnolóxica da flota conxeladora galega

Representantes do sector naval coincidiron hoxe na necesidade de abordar a renovación tecnolóxica da flota conxeladora galega de gran altura, a fin de incrementar a súa competitividade. Foi durante un seminario organizado polo Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) a través da Plataforma TECNOPEIXE e en colaboración coa empresa OPTIMAR FODEMA SL.
A xornada, que tivo lugar na sede da Fundación Cetmar en Vigo coa asistencia de mais de medio centenar de membros de empresas armadoras e estaleiros, xirou en torno ao incremento da competitividade dos parques de pesca de buques conxeladores de gran altura, obxectivo do proxecto PEIXEMATIC desenvolvido nos últimos meses por OPTIMAR FODEMA S.L. con financiamento do Instituto Galego de Promoción Económica.
Precisamente o responsable da Zona Sur do IGAPE, Miguel Fidalgo, foi quen acompañou á directora-xerente do CETMAR na inauguración do seminario. Durante o acto de apertura, Paloma Rueda Crespo agradeceu a presencia dos representantes dos armadores na xornada e destacou o interese destes por abordar a renovación tecnolóxica da flota. Tamén valorou o esforzo da empresa OPTIMAR FODEMA por contribuír á devandita renovación cos traballos de PEIXEMATIC.
Nas diferentes intervencións púxose de manifesto o feito de que a competitividade dos buques conxeladores de gran altura galegos en relación a outras flotas mais actualizadas en canto a dotación e sistemas de procesado en xeral está condicionada polo feito de que foron construídos dacordo a criterios hoxe desfasados e de que non se acometeu a súa renovación. Isto levou nos últimos tempos aos representantes deste segmento da flota á busca da viabilidade técnica e financeira que permitan esas melloras.
Facéndose eco desta necesidade e intentando sentar as bases técnicas do que sería unha nova xeración de parques de pesca, a empresa OPTIMAR FODEMA levou a cabo nos últimos meses un exhaustivo traballo cara á automatización deses parques e das bodegas de grandes buques conxeladores, elo dentro do referido proxecto PEIXEMATIC.

Dejar un comentario