Plan de Acción para a Xestión do Marisqueo de Galicia 2026-2031
A Consellería do Mar encarga ao Centro Tecnolóxico do Mar a elaboración do Plan de acción para a Xestión do Marisqueo de Galicia 2026-2031, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura. O seu obxectivo é fortalecer a xestión sostible do marisqueo, unha actividade clave para máis de 7.000 persoas e fundamental na economía azul galega.
O plan busca diagnosticar a situación do sector, propoñer medidas para recuperar a produtividade, mellorar a sostibilidade ambiental, reforzar a gobernanza e garantir o benestar das comunidades costeiras.
A súa elaboración levarase a cabo mediante un proceso participativo e de consenso que integre o coñecemento científico e tradicional, implicando a todos os axentes sociais, económicos e culturais vinculados ao sector do marisqueo.



