O secretario xeral do Mar, Juan Maneiro Cadillo, atópase estes días en Chile realizando unha visita técnica a instancias da Subsecretaría de Pesca e Acuicultura do Goberno chileno, que invitou a unha delegación galega a coñecer os principais centros de investigación e as principais zonas adicadas á acuicultura e á pesca artesanal do país.
A directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, Paloma Rueda Crespo, acompaña ao secretario xeral nesta viaxe, que se prolongará ata o vindeiro venres 7 de febreiro, e que levará aos representantes da Consellería do Medio Rural e do Mar ata a rexión dos Lagos, no sur do país chileno.
No seu primeiro día en Valparaíso, a delegación galega foi recibida polo subsecretario de Pesca de Chile, Pablo Galilea Carrillo, para a continuación manter un primeiro encontro con profesionais deste departamento e do Servicio Nacional de Pesca. A xornada do luns incluíu ademais unha visita ao Centro de Investigacións Mariñas da Universidade Andrés Vello en Quintay, onde tamén mantiveron unha reunión coa organización de pescadores artesanais da localidade.
A viaxe continuará hoxe martes co traslado a Puerto Montt, a capital da Rexión dos Lagos, para visitar a hatchery de invertebrados mariños da Universidad Austral e o Centro de Investigación da Fundación Chile. A xornada rematará pola tarde no Estuario de Reloncaví para visitar o centro de cultivo de salmóns e as instalacións de cultivo de mexillón.
Coa visita da delegación da Consellería do Medio Rural e do Mar a Chile preténdense reforzar os lazos de colaboración existentes entre ambos países no ámbito pesqueiro. Xa no mes de decembro pasado, seis técnicos da Subsecretaría de Pesca e Acuicultura realizaron en Galicia un programa de formación que, organizado pola Fundación CETMAR, pretendía reforzar as capacidades deste equipo de expertos.