Novedades

O curso de «Ecodeseño e ecoconstrución en embarcacións de madeira» clausurouse no Centro de Formación A Aixola en Marín

Por 16 diciembre, 2013 Ningún comentario

O curso «Ecodeseño e ecoconstrución en embarcacións de madeira» clausurouse o sábado no Centro de Formación A Aixola de Marín, que xestiona a Fundación CETMAR. Organizada pola  Consellería de Economía e Industria a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, esta actividade formativa estaba dirixida a carpinteiros de ribeira en activo, tanto xestores de estaleiros como operarios.

O curso dividiuse en varias sesións que se foron desenvolvendo durante os meses de outubro, novembro e decembro. Os alumnos puideron perfeccionar os seus coñecementos na elaboración de tipos de embarcacións como as gamelas e as piraguas a través das diferentes fases do proceso de construción: o laminado, o encolado, etc.

A entrega de diplomas aos participantes no curso correu a cargo da directora do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, Paloma Rueda Crespo, e da directora xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria, Sol Vázquez, quen estivo acompañada pola  xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro.

O curso clausurado o sábado formou parte da programación da devandita fundación, destinada á especialización dos profesionais do sector artesán, e que este ano chegou a ofertar un total de 17 cursos enfocados no traballo ceramista, na cestería, no téxtil, no coiro e na olería tradicional.

Un dos obxectivos da Consellería de Economía e Industria en materia de artesanía é o de dotar ao sector artesanal de Galicia dos profesionais e técnicos que necesite, mediante unha formación especializada e de perfeccionamento, incidindo especialmente no deseño, a innovación, a aplicación de novas tecnoloxías e a xestión.

Pola outra banda, a Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari), con sede en Boiro, opta ao Premio Promociona para entidades privadas. O traballo da asociación caracterízase por manter viva a tradición na construción de embarcacións de madeira ao tempo que incorpora as últimas innovacións aparecidas no mercado. A súa aposta é conservar o saber facer dos carpinteiros de ribeira e adaptalo ao contexto dunha economía sostible, conservando o seu valor cultural, e promovendo a divulgación e o uso do patrimonio marítimo.