Novedades

O CETMAR presenta unha guía sobre calidade de especies pesqueiras conxeladas como resultado do proxecto SENSOQIM

Por 25 septiembre, 2013 Ningún comentario

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR avanzou hoxe os resultados do proxecto SENSOQIM,  no que ven traballando dende 2010 da man das universidades de Vigo e Santiago cara a mellorar  o estudio de determinadas especies pesqueiras conxeladas.

Con este fin foi presentado ao sector un adianto da Guía SENSOQIM, unha guía sensorial para materias primas conxeladas cuxos limiares de calidade non están contempladas actualmente no marco lexislativo. Este documento, que servirá de referencia aos distintos axentes implicados na cadea de valor destes produtos, estará dispoñible a finais de marzo.

Julio Maroto, coordinador da área de Tecnoloxía dos Produtos Pesqueiros do CETMAR, foi o encargado de presentar o proxecto durante un seminario no que se falou da calidade dos produtos pesqueiros conxelados e refrixerados e sobre a súa avaliación.

Os responsables de SENSOQIM entenden que os resultados do seu traballo poderán servir de axuda, no que a cuestións de calidade se refire, cara a fortalecer os intercambios comerciais, cubrindo así as carencias do marco normativo vixente, que non contempla moitas especies de importancia comercial capturadas por buques conxeladores.

Financiado pola Xunta de Galicia a través do Programa Sectorial de Investigación Aplicada, no proxecto SENSOQIM colaboran, ademais do Centro Tecnolóxico do Mar, o departamento de Enxeñería Química da Universidade de Vigo e as facultades de Veterinaria (Campus de Lugo) e Farmacia da Universidade de Santiago.