Novidades

O CETMAR e a FUNDACIÓN OESA colaborarán para impulsar a investigación e a promoción da acuicultura a nivel internacional

By 18 Decembro, 2011 No Comments

A directora do Centro Tecnolóxico do Mar, Paloma Rueda, e o director da Fundación Observatorio Español de Acuicultura -OESA-, Javier Remiro, asinaron esta semana un acordo a través do que ambas entidades sumarán esforzos para impulsar a investigación e a promoción da acuicultura española e en concreto a galega, a nivel internacional.

A través deste convenio CETMAR e OESA realizarán accións conxuntas dedicadas á difusión, á investigación e á formación en materia de acuicultura, como a realización de proxectos de I+D+i e estudos sobre o desenvolvemento, consolidación e sostibilidade da acuicultura. Esta colaboración tamén inclúe a realización de cursos formativos, seminarios e conferencias, así como o establecemento de redes e vías de comunicación nesta materia no contexto mediterráneo, atlántico, europeo e iberoamericano. Ademais prevé tamén a colaboración en accións de cooperación ao desenvolvemento en materia acuícola.

A sinatura deste convenio pón de manifesto a aposta destas dúas fundacións de dar visibilidade ao labor de investigación e innovación en materia de acuicultura. Oesa e Cetmar avogan polo desenvolvemento da acuicultura e consideran que pode ser un elemento vital para a consolidación socioeconómica de determinadas áreas territoriais do mundo, ao ser unha importante fonte de recursos económicos e produtivos.

Publicación de investigación
Esta semana o Cetmar tamén acolleu a presentación do libro Enfermidades de Moluscos Bivalvos de interese na Acuicultura, editado pola Fundación OESA. O libro recolle os resultados de investigación sobre as enfermidades de moluscos bivalvos froito do desenvolvemento ao longo de máis de 20 anos. Tamén fai fincapé na necesidade dun diagnóstico rápido destas enfermidades, sobre todo nos moluscos de interese comercial, pola importancia económica deste produto e tamén ante a posibilidade de traslado de animais enfermos a zonas libres dese patóxeno. O acto contou coa participación da directora do centro, Paloma Rueda, con representantes de OESA e cos doutores Antonio Figueras e Beatriz Novoa, coordinadores da publicación.

Leave a Reply