Novedades

Galicia e o goberno de perú colaboran para a mellora da competitividade da pesca e da acuicultura na Baía de Sechura

Por 22 julio, 2019 Ningún comentario
  • O proxecto Acuipesca Perú desenvolverase nos vindeiros tres anos con financiamento de Cooperación Galega
  • O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar coordina esta iniciativa da man da administración peruana e terá como socios a Anfaco-Cecopesca e a Fundación Ayuda en Acción
  • Realízase no marco do Memorando de Entendemento subscrito no ano 2015 entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de la Producción peruano  

Sechura, 22 de xullo de 2019.- Unha misión técnica formada por expertos da Fundación Cetmar, de Anfaco-Cecopesca e da Fundación Ayuda en Acción permanece estes días na cidade de Sechura para a posta en marcha do proxecto Acuipesca Perú, que se presenta hoxe na sede da Municipalidade.

O obxectivo xeral deste proxecto é contribuír ao desenvolvemento económico e social das comunidades costeiras da baía de Sechura, no departamento de Piura. Para iso pretende incrementar a competitividade do sector da pesca artesanal e da acuicultura, con especial incidencia na cadea produtiva da concha de abanico, un molusco bivalvo que acada altas cotas de produción nesta zona do Perú.

Representantes do Ministerio de la Producción e da Fundación Ayuda en Acción Perú, socios locais de Cetmar e da ONG nesta iniciativa, acompañan aos técnicos galegos nas visitas a diferentes zonas de produción de concha, desembarcadoiros pesqueiros artesanais, empresas de procesado e conxelado e criadoiros de semente deste bivalvo.

A misión contempla ademais encontros con representantes da Administración con competencias no sector pesqueiro e acuícola, así como dos colectivos profesionais implicados nesta actividade, como acuicultores, pescadores, buzos ou gardiáns de embarcacións, entre outros. A finalidade destes encontros é recoller as inquedanzas de todos os actores implicados neste ámbito e iniciar as primeiras actividades contempladas neste proxecto, a fin de acadar os resultados esperados.

Os socios de Acuipesca Perú traballarán así ata 2021 de cara a fortalecer a coordinación entre institucións e para promover a participación do sector no deseño e aplicación de políticas estratéxicas para a pesca artesanal e a acuicultura. Neste senso está prevista a creación dun comité de coordinación que reúna a todas as partes interesadas para debater sobre o desenvolvemento futuro do sector, actividade que estará liderada polo Cetmar.

Outras das actividades previstas están encamiñadas a mellorar a empregabilidade dos profesionais vinculados ao mar, a súa cultura empresarial e a súa organización a través dun programa de capacitacións impartidas pola Fundación Ayuda en Acción, responsable ademais da elaboración dunha diagnose sobre a situación das organizacións do sector pesqueiro artesanal da baía de Sechura.

Da man dos expertos de Anfaco-Cecopesca traballarase na introdución de melloras tecnolóxicas na cadea produtiva da concha de abanico e en fortalecer a súa cadea de valor e trazabilidade. Tamén está previsto identificar oportunidades de diversificación acuícola e explorar as posibilidades de mellorar a xestión ambiental da baía de Sechura.

O proxecto Acuipesca Perú está financiado pola Vicepresidencia da Xunta de Galicia con fondos de Cooperación Galega no marco do Memorando de Entendemento que o Goberno galego e o Ministerio de la Producción do Perú subscribiron no ano 2015. O seu presuposto ronda os 700.000 euros.

Dejar un comentario