Novidades

Galicia comparte a súa experiencia nos cultivos mariños nun seminario internacional sobre a futura estratexia nacional desta actividade en Xeorxia

By 26 Setembro, 2021 No Comments

Vigo, 26 de setembro de 2021. O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar participou este mes nun seminario internacional para analizar a futura estratexia nacional de cultivos mariños en Xeorxia na que técnicos do ente dependente da Consellería do Mar compartiron a experiencia da comunidade neste eido, as boas prácticas de gobernanza no sector en España e a situación de desenvolvemento desta actividade no país.

O encontro, que combinou a asistencia presencial coa participación por videoconferencia, estivo organizado pola Axencia Nacional do Ministerio de Protección do Medio Ambiente e a Agricultura de Xeorxia, a delegación da Unión Europea nese estado e a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO).

Os expertos participantes na xornada presentaron o estado actual do sector acuícola no país do Cáucaso, as necesidades e retos aos que se enfronta, as boas prácticas no eido internacional e a creación dun grupo de traballo para deseñar e elaborar a estratexia nacional de Xeorxia no ámbito dos cultivos mariños.

O seminario tamén abordou a lexislación actual do sector e a situación concreta de países como Turquía, Bulgaria e Marrocos. A estes aspectos engadíronse outros como a cadea de valor acuícola, os obxectivos da estratexia sectorial e os mecanismos para o seu desenvolvemento.

Leave a Reply