Novidades

CETMAR organiza un seminario sobre pilas e luminarias na pesca

By 18 Novembro, 2011 No Comments

Logo 3rfishO xoves 24 terá lugar nas instalacións de CETMAR o seminario “Luminarias e pilas na pesca extractiva. Problemática e Avances. Resultados do Proxecto 3R-FISH“, no cual se abordará a problemática dos residuos das pilas empregadas pola flota pesqueira en gran diversidade de dispositivos; moi especialmente nas luminarias empregadas en buques palangreiros.

O evento desenvólvese ao abeiro do proxecto europeo modalidade LIFE de acrónimo 3R FISH e título “Modelo de Xestión Integrada para a Recuperación e Reciclaxe de Residuos Sólidos Propios das Actividades Pesqueiras e Portuarias”, que centra os seus obxectivos na adecuada xestión deste tipo de residuos con vistas á súa recuperación vía valorización. Durante o proxecto realizouse unha experiencia piloto de xestión de residuos de pilas de grande alcance que serviu para dotar aos entes portuarios galegos dun protocolo de recollida e xestión sistematizado, gratuíto e estable no futuro.

Durante a xornada cubriranse diferentes aspectos relacionados con esta temática: dende a incidencia que sobre o medio mariño ten a inadecuada xestión destes residuos, pasando por  unha descrición da experiencia piloto de xestión levada a cabo neste proxecto, dos estudos sobre os diversos modelos de luminarias efectuados ou como o concepto de ecodeseño ábrese paso no sector marítimo pesqueiro.

Este seminario encádrase adicionalmente dentro da “Semana Europea da Prevención de Residuos”, un evento internacional apoiado pola Comisión Europea no que se da cabida a accións que teñen como obxectivo dar a coñecer as estratexias e políticas de prevención de residuos da Unión Europea, así como impulsar accións sostibles para reducir a xeración de residuos en toda Europa, sensibilizando á cidadanía sobre esta problemática.

Enlaces:
www.cetmar.org/seminario/3R-FISH/DipticoSeminario.pdf
www.cetmar.org/seminario/3R-FISH/Inscripcion.asp

Leave a Reply