Novedades

CETMAR organiza o seminario Explotación Biotecnolóxica dos Produtos e Subprodutos Mariños.

Por 22 septiembre, 2011 Ningún comentario

A directora do Centro Tecnolóxico do Mar CETMAR, Paloma Rueda, inaugurou esta mañá o último seminario organizado no marco do proxecto Biotecmar, Explotación Biotecnolóxica dos Produtos e Subprodutos Mariños. Este seminario, que se celebra durante a mañá e a tarde de hoxe, ten como obxectivo avanzar na valorización dos recursos mariños a través da exposición e do debate dos resultados máis relevantes do proxecto.

Un dos logros do proxecto Biotecmar dos que se deu conta no seminario foi a creación dunha Rede Europea de Laboratorios, Centros de Investigación e Empresas vinculados coa problemática  da valorización dos recursos mariños. Outro dos resultados acadados foi a creación dunha Bolsa de Subproductos Pesqueiros con vistas ao seu aproveitamento real na industria, especificándose algúns dos seus logros pero tamén as dificultades que se observaron tras varios meses de experiencia.Tamén se deu conta dos estudos de viabilidade, realizados sobre a potencialidade de materias primas útiles pero infrautilizadas. Ao longo desta mañá tamén se trataron aspectos relativos ao abastecemento, á súa continuidade, aos prezos de adquisición e á competencia de mercado.

As intervencións da mañá correron a cargo de investigadores e empresas acreditadas a nivel europeo e mundial dentro do terreo da valorización. Nesta parte abordáronse estratexias para o aproveitamento de subprodutos derivados da pesca, das algas e das augas de cocción. A sesión da tarde será práctica e desenvolverase nas instalacións do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (CSIC), membro do consorcio do proxecto. Realizaranse dúas accións piloto; unha inicial sobre “Péptidos hidrolizados obtidos a partir da pel de peixes planos” e unha segunda centrada na “Obtención de péptidos e pigmentos a partires de crustáceos descartados”.

O proxecto Biotecmar

Este seminario foi o último dunha serie de cinco seminarios organizados ao longo dos tres últimos anos no marco do proxecto Biotecmar, que é un proxecto europeo no que CETMAR traballou dentro dun consorcio con representación de organismos e entidades de Francia, Portugal, Irlanda e España. O seu principal obxectivo foi o de dar a coñecer e transferir ferramentas biotecnolóxicas e procesos de valorización  ás empresas da Área Atlántica, contribuíndo de este xeito a diversificar as actividades vinculadas á explotación e á xestión sostible dos recursos mariños.

Dejar un comentario