Novedades

Cetmar lidera o deseño dunha estratexia que adecúe a formación en tecnoloxías marítimas ás necesidades da industria naval e das enerxías mariñas renovables

Por 24 septiembre, 2021 Ningún comentario

Vigo, 24 de setembro de 2021.-  Cubrir o desfase entre a demanda e a oferta de capacidades nos sectores marítimos da construción naval e da enerxía renovable mariña, é o obxectivo principal da Fundación CETMAR e dos seus socios en MATES.

Coa colaboración de máis de 200 expertos en diferentes ámbitos, o consorcio do devandito proxecto europeo ven traballando dende xaneiro de 2018 no deseño dunha estratexia a longo prazo que propicie a mellora e a innovación na formación e na adquisición de capacidades dos futuros profesionais dos sectores das tecnoloxías marítimas.

Para dar conta dos resultados obtidos polo proxecto MATES no desenvolvemento desa estratexia celebrarase un taller on-line durante a xornada do vindeiro mércores 29 de setembro. A inscrición é gratuíta e está  dirixido a profesionais dos sectores da construción naval e das enerxías mariñas renovables, tanto do eido da industria, coma da educación, a investigación ou da administración pública.
INSCRICIÓN

Neste taller, os presentadores ofrecerán unha visión xeral do proxecto MATES, mostrando os pasos seguidos para desenvolver unha estratexia de capacitación que inclúa a cuádruple hélice nas tecnoloxías marítimas de Europa. Para concluír, un panel de representantes de organizacións e proxectos das distintas concas mariñas europeas presentará as súas opinións e expectativas para o despregue da Estratexia de MATES nas súas rexións. Os asistentes serán invitados a proporcionar os seus comentarios durante a sesión e tra-lo taller, ate o 30 de novembro de 2021.

Os resultados de MATES analizan a influencia dos avances tecnolóxicos e as necesidades do mercado laboral sobre o sector marítimo, e en particular como inflúe este contexto na demanda de novas capacidades e innovacións na maneira de impartir formación. As principais liñas de acción identificadas nunha primeira fase de análise foron testadas a través de once experiencias piloto desenvolvidas por CETMAR e os seus socios en diferentes puntos de Europa. Deste xeito, foi posible avaliar a posible adaptación da estratexia a diferentes contextos rexionais, probando formacións adaptadas ás necesidades emerxentes, como a industria 4.0, materiais en formatos innovadores (tanto para o seu uso na aula como en contextos de aprendizaxe informal), e simulacións de espazos industriais para o seu uso con fins didácticos.

Baseándose nesta experiencia e as leccións aprendidas, o consorcio de MATES propón unha serie de recomendaciónspara a cadea de valor dos dous sectores de referencia do proxecto, que permitan adecuar as capacidades dos traballadores ás necesidades emerxentes. En todo o proceso abórdanse aspectos relativos ás tecnoloxías dixitais, tecnoloxías verdes, xestión da innovación, perspectiva de xénero, cultura oceánica, gobernanza así coma estándares europeos da formación profesional.

Cun orzamento de 4,9 millóns de euros e co-financiado polo programa Erasmus + da Unión Europea, o proxecto MATES, “Alianza Marítima para promover a economía azul europea a través dunha estratexia de capacitación en tecnoloxía mariña”, finalizará en abril de 2022.

SAÚDOS, GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DO MAR

+ Información https://www.projectmates.eu/maritime-technologies-skills-strategy-construction-and-validation/ Axenda do evento: http://intranet.projectmates.eu/index.php/s/TLQN3wkc5wc6eq8#pdfviewer

Dejar un comentario