Novedades

CETMAR organizará o seminario Xestión Sanitaria en Acuicultura: Aplicacións Biotech

Por 8 diciembre, 2011 Ningún comentario

O Centro Tecnolóxico do Mar, Cetmar, organizará o 13 de decembro o seminario Xestión Sanitaria en Acuicultura: Aplicacións Biotech. O obxectivo deste seminario é amosar como o emprego das ferramentas biotecnolóxicas pode contribuír a mellorar a xestión sanitaria dos animais en acuicultura. Ademais con esta xornada o Cetmar busca crear un foro de encontro entre a investigación e as empresas, favorecendo deste xeito a transferencia de coñecementos e tecnoloxía.

Durante o seminario, os expertos farán referencia a cuestións como as enfermidades de moluscos e peixes de maior impacto económico no sector, destacando entre outros a importancia das aplicacións biotecnolóxicas para diagnosticar as enfermidades de xeito mais preciso e rápido ou á evolución das vacinas tradicionais cara ás vacinas recombinantes, que son máis específicas e eficaces. A primeira das intervencións será Enfermidades de interese zootécnico en moluscos bivalvos e dela encargarase o investigador Antonio Villalba, do Centro de Investigacións Mariñas da Xunta de Galicia. Das enfermidades de interese zootécnico en piscicultura falará Alicia Estévez Toranzo, da Universidade de Santiago de Compostela.

En relación aos desenvolvementos biotecnolóxicos de aplicación en acuicultura haberá dúas intervencións nas que se amosarán os avances experimentados neste campo. Por unha banda, a doutora da Universidade de Granada, Inmaculada Llamas, amosará aos asistentes a eficacia das novas tecnoloxías “Quórum Sensing” na loita contra as enfermidades en acuicultura. Por outra banda, o director de Probeltebio, Sergio Streitenberger, falará sobre o desenvolvemento da primeira vacina oral para uso en acuicultura, que conta con patente biotecnolóxica internacional e está destinada á acuicultura de interese comercial. Esta vacina diferénciase das anteriores porque facilita a súa administración grazas a un sistema de microencapsulación en levaduras.

 

O último apartado do seminario correrá por conta do doutor da Universidade Autónoma de Barcelona, Francesc Padrós, que falará dos programas de xestión sanitaria en acuicultura, amosando a eficacia do programa GESAC, un exercicio no que se conecta a xestión sanitaria oficial coa xestión sanitaria real dos centros de produción, aportando recursos e ferramentas para a toma de decisións apropiadas.

A asistencia a este seminario é gratuíta e por orde de rexistro e os interesados en inscribirse poden facelo vía web na dirección www.cetmar.org/seminario/gesanbiotech/Inscripcion.asp na que atoparán un formulario de pre-inscrición e máis información sobre o seminario.

Dejar un comentario