Novedades

A Fundación CETMAR e os seus socios no proxecto ACRUNET traballan na elaboración dunha norma de calidade europea para o boi de mar

Por 21 octubre, 2013 Ningún comentario

O Centro Tecnolóxico do Mar e os seus socios no proxecto ACRUNET están a traballar na elaboración dunha norma de calidade para o boi de mar europeo que garanta a súa pesca responsable e faga deste un produto competitivo.

Trátase dunha das medidas que, para mellorar este sector en Europa, están a estudiar os membros do consorcio ACRUNET, quince institucións e entidades de Francia, Reino Unido, Irlanda, Portugal e España que mañá martes e o mércores reúnense na sede do CETMAR en Vigo na busca de novos acordos.

Sobre a base da conformación dunha rede dinámica coa participación de tódolos interlocutores do sector,  esta iniciativa financiada polo Programa Transnacional Espacio Atlántico pretende dar solución aos desafíos da distribución e comercialización do boi de mar, apostando pola innovación e incrementando a súa competitividade e rendibilidade a nivel europeo.

Os socios de ACRUNET traballan así na mellora do transporte deste produto mediante un programa de seguimento que permitirá identificar os puntos críticos deste proceso e as súas posibles solucións, así como nunha nova tecnoloxía para controlar o proceso da pesca mediante un etiquetado electrónico que evitará a perda de aparellos e permitirá controlar as capturas.

Coordinado por Bord lascaigh Mhara (BIM) de Irlanda, o proxecto ACRUNET iniciou a súa andaina en xullo de 2012 e dende entón e ata maio de 2015 os seus socios confían en contribuír á mellorar a competitividade deste sector e a aumentar a visibilidade do boi de mar no mercado  europeo.

Xunto ao CETMAR e ao BIM participan nesta iniciativa Killybegs Fishermen´s Organisation LTD; Seafish; FranceAgriMer; Marine Institute; Instituto Portugués do Mar e da Atmosfera; Comité National des Pêches Maritimes et des Elevages Marins; Bord Bia; Shellfish Association of Great Britain; Institut Français de Recherche pour l´Éxploitation de la Mer; Centre for Environmental, Fisheries and Aquaculture Sciencie (Cefas); National Federation of Fishermen´s Organisations  do Reino Unido; Scottish Fishermen´s Federation e Seafood Scotland.