Novedades

O Observatorio RAIA presenta os seus produtos de información oceanográfica e meteorolóxica ao servizo da cidadanía

Por 21 noviembre, 2013 Ningún comentario

“A oceanografía operacional ao servicio dos recursos mariños en Galicia e no Norte de Portugal” e o título do seminario final do proxecto RAIA.co, que terá lugar o vindeiro 29 de novembro no Museo Pedagóxico de Galicia en Santiago coa participación do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR xunto aos seus socios nesta iniciativa europea.

O obxectivo desta xornada é presentar o Observatorio RAIA a representantes de diferentes sectores relacionados co mar en Galicia e no Norte de Portugal, dando conta dos produtos e servizos de información oceanográfica e meteorolóxica que poden ser de interese para calquera actividade lúdica ou profesional que se desenvolva no litoral de ambas rexións.

Cunha clara orientación cara ao usuario final, dende o Observatorio RAIA desenvolvéronse modelos específicos para a resolución de problemas concretos, xeráronse produtos e servizos adaptados ás necesidades dos diferentes sectores e impulsouse o desenvolvemento de novas tecnoloxías mariñas de amplo espectro.

A rede está a producir información extremadamente valiosa para os usuarios das costas en xeral e en particular para os profesionais que desenvolven a súa actividade no medio mariño, e para cuxo óptimo desenvolvemento son importantes parámetros como a ondada, a turbidez, a forza e a dirección do vento ou a temperatura do mar, entre outros.

Dos produtos e servizos do Observatorio RAIA (www.marnaraia.com) e da súa utilidade para os usuarios das costas falarán neste seminario representantes das diferentes institucións que conforman o consorcio RAIA.co, como son, ademais do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, Meteogalicia que lidera o proxecto, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia-Intecmar, o Instituto Español de Oceanografía, o Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC, a Universidade de Vigo, as universidades de Porto e Aveiro e o Instituto Hidrográfico de Portugal.

A segunda parte do seminario dedicarase á exposición das demandas e necesidades dos diferentes sectores en canto á observación e predición meteorolóxica e oceanográfica. A inscrición á xornada é gratuíta (http://www.cetmar.org/seminarios/RAIAco/).

O proxecto RAIA.co está financiado pola Unión Europea a través do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal.