Novedades

CETMAR no EuroGOOS 2026

A Xunta pon en valor no Congreso Internacional EuroGOOS 2026 a vangarda galega en monitorización e predición oceanográfica

  • O Observatorio Costeiro de Galicia participa neste foro europeo de referencia na materia, que se celebrará en Lárnac (Chipre) do 18 ao 20 de maio
  • O Centro Tecnolóxico do Mar presentou hoxe a experiencia da Batea Sentinela, unha solución de monitorización desenvolvida conxuntamente co sector mexilloeiro

A Xunta, a través do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (INTECMAR), o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático-MeteoGalicia, reafirma a súa posición de liderado na xestión do medio mariño coa súa participación na 11ª Conferencia Internacional EuroGOOS, que se está a celebrar en Chipre.

Unha técnica da Unidade de Tecnoloxías Mariñas de CETMAR e dous investigadores do INTECMAR conforman a delegación da Consellería do Mar neste evento, principal punto de encontro para o desenvolvemento da oceanografía operativa en Europa, integrando servizos de datos e predición para garantir a sostibilidade dos recursos costeiros. Neste foro internacional, os expertos presentan os resultados dos proxectos clave para a resiliencia do sector pesqueiro e marisqueiro galego ante os retos do cambio global.

Batea sentinela

O Centro Tecnolóxico do Mar presentou hoxe a experiencia da Batea Sentinela, unha solución de monitorización desenvolvida conxuntamente co sector mexilloeiro no marco do proxecto europeo Transformar e reforzada posteriormente pola Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar. O sistema, instalado polo CETMAR nunha batea comercial da Ría de Arousa, integra sensores metereolóxicos e oceanográficos que permiten rexistrar en tempo real variables ambientais e datos relacionados co crecemento do mexillón nas cordas de cultivo.

A información é validada e distribuída publicamente a través dun visor web integrado nos recursos de Apromex. O traballo pon en valor o papel dos observatorios mariños como provedores de servizos operativos co-deseñados cos usuarios finais, así como o potencial destas solucións para desenvolver ferramentas de apoio e alerta temperá adaptada ás necesidades reais do sector acuícola galego.

Proxecto Redecos

Pola súa banda, o INTECMAR presenta en Chipre os avances da rede Redecos (Modernización da Rede de Monitorización de Parámetros Ambientais), un sistema pioneiro deseñado de forma conxunta co sector produtivo que permite medir de forma continua a salinidade e temperatura a pé dos bancos marisqueiros.

Este sistema demostrou ser vital para a xestión de crises, como as rexistradas durante os episodios de intensas chuvias do inverno do 2026, capturando datos críticos sobre caídas de salinidade que afectan á supervivencia deste bivalvo. Grazas a esta tecnoloxía, Galicia Conta con datos precisos que apoian a toma de decisións administrativas e a declaración de zonas catastróficas cando é necesario.

Predicións para as Rías Baixas

Presentan, ademais, as melloras no sistema de predición operativa Mohid, que foi evolucionando cara un modelo de alta resolución (400 metros) acoplado a módulos bioxeoquímicos. Este sistema permite agora non só prever correntes e temperaturas, senón tamén variables ecolóxicas esenciais como os niveis de osíxeno, nutrintes e bioamasa fitoplancton nas Rías Baixas. Esta ferramenta de vangarda, integrada no Observatorio Costeiro de Galicia (OCXG), é fundamental para a acuicultura e a protección dos ecosistemas, ofrecendo previsións a 96 horas que son de acceso público para toda a comunidade marítima, a través da web de MeteoGalicia.

A delegación da Consellería do Mar aproveitará tamén a súa participación eu EuroGOOs 2026 para difundir o Plan Estratéxico de Observación Mariña de Galicia 2026-2030, resultado do Plan de Ciencias Mariñas de Galicia, liderado polo CSIC, CETMAR e a Universidade de Vigo. O devandito plan persegue impulsar unha estratexia sostible eficiente para a integración de sistemas de observación e servizos de monitorización mariña aliñándose coas políticas autonómicas, estatais e europeas en materia de ciencia, tecnoloxía e innovación.

Co apoio de fondos europeos (Fempa e NextGenerationEU), a Xunta segue apostando por unha observación oceánica de proximidade que garanta a resiliencia dunha economía azul da que dependen miles de familias galegas.

Dejar un comentario