Monthly Archives

septiembre 2013

O Centro Tecnolóxico do Mar acolle un taller sobre as claves cara a recuperación da produción da ostra plana en Europa

Por | Novedades

O Centro Tecnolóxico do Mar e os seus socios no proxecto OYSTERECOVER darán conta dos valiosos resultados desta iniciativa cara a recuperación da produción da ostra plana europea no transcurso dun taller que terá lugar o vindeiro 10 de outubro na sede da Fundación CETMAR en Vigo.

A xornada ten como obxectivo facer partícipes aos produtores de ostra e a outros interesados do valor e a importancia dos resultados obtidos polo consorcio OYSTERECOVER despois de tres anos de traballo, resultados que permiten que a recuperación dos bancos de ostra plana sexa unha realidade mais próxima.

No transcurso do taller, que será inaugurado polo secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, e pola directora-xerente do CETMAR, Paloma Rueda Crespo, os coordinadores do proxecto e outros expertos falarán das ferramentas obtidas no marco desta iniciativa para a selección xenética das ostras, así como sobre a xestión sostible dos bancos naturais e as posibilidades de recuperación desta actividade.

Ademais do Centro Tecnolóxico do Mar, que lidera o proxecto xunto ao Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) –coordinador científico- participan no OYSTERECOVER  como socios Agrocampus Ouest Atlantic Shellfish Ltd, ASL; Centre for Environment, Fisheries & Aquaculture Science, CEFAS; Clew Bay Marine Forum Ltd. CBMF; Clew Bay Oyster Co-operative Society Limited, CBOC; Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia; Den Erhvervsdrivende Fond Dansk Skaldyrcenter, DSC; José María Daporta Leiro e Hijos S.L.; Nederlandse Oestervereniging, NEDOYS; Comité Régionale de la Conchyliculture Bretagne-Nord; Universidade de Santiago de Compostela, USC; University College Cork, National University of Ireland, UCC, e Wageningen IMARES.

A reunión final do proxecto terá lugar os días 8 e 9 de outubro, tamén no CETMAR, pero só para os membros do consorcio. A xornada do día 10 é pública, polo que os interesados poderán inscribirse a través da páxina web do proxecto www.oysterecover.eu (apartado de Noticias).

O CETMAR presenta unha guía sobre calidade de especies pesqueiras conxeladas como resultado do proxecto SENSOQIM

Por | Novedades

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR avanzou hoxe os resultados do proxecto SENSOQIM,  no que ven traballando dende 2010 da man das universidades de Vigo e Santiago cara a mellorar  o estudio de determinadas especies pesqueiras conxeladas.

Con este fin foi presentado ao sector un adianto da Guía SENSOQIM, unha guía sensorial para materias primas conxeladas cuxos limiares de calidade non están contempladas actualmente no marco lexislativo. Este documento, que servirá de referencia aos distintos axentes implicados na cadea de valor destes produtos, estará dispoñible a finais de marzo.

Julio Maroto, coordinador da área de Tecnoloxía dos Produtos Pesqueiros do CETMAR, foi o encargado de presentar o proxecto durante un seminario no que se falou da calidade dos produtos pesqueiros conxelados e refrixerados e sobre a súa avaliación.

Os responsables de SENSOQIM entenden que os resultados do seu traballo poderán servir de axuda, no que a cuestións de calidade se refire, cara a fortalecer os intercambios comerciais, cubrindo así as carencias do marco normativo vixente, que non contempla moitas especies de importancia comercial capturadas por buques conxeladores.

Financiado pola Xunta de Galicia a través do Programa Sectorial de Investigación Aplicada, no proxecto SENSOQIM colaboran, ademais do Centro Tecnolóxico do Mar, o departamento de Enxeñería Química da Universidade de Vigo e as facultades de Veterinaria (Campus de Lugo) e Farmacia da Universidade de Santiago.

O goberno de Namibia da o seu visto bo ao labor do CETMAR cara ao reforzo da acuicultura e da capacitación dos seus técnicos

Por | Novedades

O Goberno de Namibia deu o seu visto bo a execución técnica e financeira dos proxectos que o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR está desenvolvendo no país africano.

Trátase do proxecto NATMIRc para o fortalecemento das capacidades do Centro Nacional de Información e Investigación Mariña de Namibia, que se prolongará ata o 2014, e do proxecto CIAC “Caprivi Inland Aquaculture Centre” (2011-2015), que ten como obxectivo contribuír á mellora da seguridade alimentaria a través do reforzo da acuicultura.

A directora do CETMAR e técnicos da área de Cooperación Internacional asisten estes días en Windhoek ás reunións dos comités de seguimento destas iniciativas, que a institución galega executa por encargo do Ministerio de Pesca e Recursos Mariños namibio, e con financiamento da Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo (AECID).

No caso do NATMIRc recoñeceuse o impacto das actividades de asistencia técnica e capacitación dos técnicos e expresouse o desexo conxunto de fortalecer a cooperación existente.

No que se refire ao proxecto CIAC, informouse do inicio da construción no Noroeste de Namibia dun novo centro de produción de alevíns que abastecerá  á poboación cara o seu consumo e comercialización. Así mesmo, resaltouse o éxito do curso piloto de formación técnica en acuicultura posto en marcha pola Universidade e o Goberno namibios co apoio de técnicos de formación da Xunta de Galicia e da Fundación CETMAR. Esta actividade, que finaliza en outubro tras a formación de 12 técnicos do Ministerio de Pesca e de granxas de acuicultura privadas a pequena escala, terá continuidade en 2014.

A directora e as técnicas do Centro Tecnolóxico do Mar permanecerán ata finais de mes en Namibia. A axenda prevista inclúe, entre outras, visitas a Katima Mulilo, capital de Caprivi, onde está prevista a construción do centro de alevíns, e tamén ao instituto KIFI, onde se desenvolve o curso de capacitación dos técnicos namibios.

A Fundación CETMAR presenta os resultados do proxecto SENSOQIM nun seminario sobre a calidade dos produtos pesqueiros conxelados

Por | Novedades

A sala de conferencias do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR acollerá o vindeiro 24 de setembro un seminario sobre a calidade dos produtos pesqueiros conxelados que concluirá coa presentación de resultados do proxecto SENSOQIM “Establecemento de umbrais de calidade para especies obxectivo pesqueiro non contempladas no marco lexislativo”.

A xornada estará dividida en dúas partes. A primeira, que dará comezo ás 09,45 horas, contempla dous relatorios sobre os cambios postmorten e o seu efecto na calidade de produtos pesqueiros refrixerados e conxelados e sobre a avaliación de calidade en produtos da pesca conxelados, e mais concretamente sobre o sistema QIM.

Na segunda parte do seminario, prevista ás 11,45 horas, terán lugar tres intervencións relacionadas cos resultados do proxecto SENSOQIM. En primeiro lugar falará Julio Maroto, coordinador da área de Tecnoloxía dos Produtos Pesqueiros do CETMAR e responsable desta iniciativa, quen dará conta das razóns e do alcance de SENSOQIM, entre outros aspectos.

Expertos das universidades de Vigo e Santiago falarán a continuación do desenvolvemento e aplicación dun método sensorial específico (QIM) e parámetros químicos relacionados para especies pesqueiras conxeladas. O seminario rematará cunha nova intervención de Julio Maroto, que presentará a Guía SENSOQIM.

http://www.cetmar.org/seminarios/Sensoqim/Programa.pdf

Vigo acolle dende hoxe o primeiro Biobanco mundial de mostras de parásitos mariños dentro do proxecto Parasite, no que colabora a Fundación CETMAR

Por | Novedades

O primeiro Biobanco mundial de parásitos mariños comeza a funcionar hoxe en Vigo, na sede do Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC en Bouzas, e dentro do proxecto europeo Parasite, no que o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR participa como socio.

Mais información en http://parasite-project.eu/newsroom

O centro de formación «A Aixola» retoma a actividade no Porto de Marín coa convocatoria de 160 prazas en once novos cursos

Por | Novedades

O Centro de Formación “A Aixola”, dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar e xestionado polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, retoma a súa actividade no Porto de Marín coa convocatoria de once novos cursos abertos ao público interesado.

As clases darán comezo o vindeiro luns 16 de setembro para arredor de trinta alumnos matriculados na especialidade de “Modelador laminador de poliéster reforzado” e na de “Carpintería de ribeira”, que serán impartidas de mañá e de tarde respectivamente por profesorado experto.

A oferta de “A Aixola” para este curso 2013-2014 componse dun total de once cursos de entre 600 e 200 horas de duración, para os que estanse a ofertar arredor de 160 prazas. Naqueles casos nos que a demanda supere á oferta, os aspirantes serán seleccionados mediante a realización dun exame e dunha entrevista persoal.

Ademais dos dous cursos que se inician este luns, outras catro especialidades votarán a andar neste ano. E o caso de “Velería e acastillaxe”, “Mecánico instalador”, “Construcción e reparación de redes e aparellos” e “Manipulador de polietileno e polipropileno en barcos de pesca e acuicultura”. Estes dous últimos cursos impartiranse tamén no primeiro semestre de 2014 xunto aos de “Novas técnicas en composites”, “Innovacións en madeira.Autoconstrución”, “Técnicas innovadoras en composites e madeiras”, “Reparacións mixtas” e “Instalación eléctrica de barcos”.

As persoas interesadas en inscribirse deberán pórse en contacto coa escola (aixola@cetmar.org ).

O CETMAR dará conta dos resultados do proxecto europeo OYSTERECOVER para a recuperación da produción de ostra planta nun taller no mes de outubro

Por | Novedades

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR acollerá os días 8 e 9 de outubro a reunión final do proxecto europeo OYSTERECOVER, cuxos resultados sobre a recuperación da produción de ostra plana faranse públicos no transcurso dun taller aberto ao público previsto para o día 10 dese mesmo mes.

Esta iniciativa, financiada pola Unión Europea e coordinada polo CETMAR, será presentada ademais un día despois en O Grove no marco do Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura.

O principal obxectivo deste proxecto é contribuír á recuperación da produción de ostra plana mediante a utilización de ferramentas biotecnolóxicas que permitan, no futuro, a obtención de estirpes resistentes a bonamiose.

Precisamente a revista International Innovation ven de facerse eco dos traballos desenvolvidos ao amparo desta iniciativa nunha reportaxe publicada no seu número de agosto (www.cetmar.org/DOCUMENTACION/p59-61_Oysterecover_hr.pdf).

Ademais do Centro Tecnolóxico do Mar, participan no proxecto OYSTERECOVER como socios Agrocampus Ouest; Atlantic Shellfish Ltd, ASL; Centre for Environment, Fisheries & Aquaculture Science, CEFAS; Centro de Investigacións Mariñas, CIMA; Clew Bay Marine Forum Ltd., CBMF; Clew Bay Oyster Co-operative Ltd., CBOC; Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia; Den Erhvervsdrivende Fond Dansk Skaldyrcenter, DSC; José María Daporta Leiro e Hijos S.L.; Nederlandse Oestervereniging, NEDOYS; Comité Régionale de la Conchyliculture Bretagne-Nord, CRCBN; Universidade de Santiago de Compostela, USC; University College Cork, National University of Ireland, UCC, e Wageningen IMARES.

O Centro Tecnolóxico do Mar colabora co Campus do Mar e CDTI na organización dunha xornada-taller sobre instrumentos de apoio ao desenvolvemento de proxectos de I+D+I empresariais no sector marítimo-pesqueiro

Por | Novedades | Ningún comentario

A sede do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR en Vigo acollerá o vindeiro 12 de setembro unha xornada-taller sobre instrumentos de apoio ao desenvolvemento de proxectos de I+D+I empresariais no sector marítimo-pesqueiro.

Esta actividade ten como obxectivo dar a coñecer os instrumentos xestionados polo Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) cara a apoiar o desenvolvemento de proxectos de I+D+I empresariais, cunha orientación específica a identificar as posibilidades para as empresas do complexo mar-industria.

O evento, previsto ás nove e media da mañá, terá unha primeira parte na que Carlos Franco, técnico do departamento de Saúde, Bioeconomía, Clima e Recursos Naturais do CDTI, explicará os seguintes programas:

–          Programa EEA Grants para o financiamento de proxectos de I+D no ámbito das enerxías renovables e o medioambiente, cambio climático e recursos naturais, unha convocatoria aberta ata o 4 de outubro.

–          Novo instrumento de apoio á innovación tecnolóxica: Liña Directa de Innovación, que pode financiar inversións en tecnoloxía e modernización dos sistemas produtivos nas empresas.

–          Outras axudas financeiras para proxectos de investigación e desenvolvemento: PID, financiamento do Fondo tecnolóxico, programas de cooperación tecnolóxica internacional.

–          Instrumentos para o fomento da creación e consolidación de empresas de base tecnolóxica: Neotec e Invierte

–          Informes motivados ex–ante para a deducción fiscal por I+D que acompañan aos proxectos de I+D financiados polo CDTI.

A continuación terá lugar unha rolda de reunións bilaterais para a revisión de ideas de proxecto entre o experto do CDTI e as entidades que o solicitaran. Para elo, deben enviar a ficha (Descargar ficha idea de propuesta) antes do día 10 de setembro á dirección de correo transferencia_tecnologia@cetmar.org.

Estes encontros desenvolveranse de maneira presencial, aínda que se estudiará a posibilidade de manter algunha reunión por videoconferencia se así se solicita.

As persoas interesadas en asistir a esta xornada deberán inscribirse utilizando el cuestionario habilitado en http://www.cetmar.org/seminarios/Jornada_Taller/ onde deberán indicar se a súa asistencia será presencial ou por streaming, xa que a charla poderá seguirse en directo a través de campusdomar TV (http://tv.campusdomar.es/) con posibilidade de intervir na rolda de preguntas vía chat.