Programa de cursos do Centro de Formación A Aixola

Capacitar aos colectivos do sector marítimo-pesqueiro noutros oficios do mar é o obxectivo do Centro de Formación da Aixola, con sede en Marín (Pontevedra), en instalacións da Autoridade Portuaria, onde mantén a súa actividade dende hai 27 anos, xestionado dende 2004 polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR por encargo da Consellería do Mar.

Máis de 2.000 alumnos formáronse nos máis de 60 cursos gratuítos que se impartiron en diferentes modalidades formativas no centro, converténdose nun referente en materias como a construción de embarcacións de madeira ou poliéster, a reparación e mantemento de instalacións náuticas, a redería ou a velería.

Aixola ten entre os seus beneficiarios persoas interesadas en mellorar as súas competencias en ámbitos específicos da industria mariña. A súa especialidade é a aprendizaxe baseada no traballo, sempre combinando a preservación do coñecemento tradicional coa innovación. Con esta premisa, os grupos de aprendices traballan cun profesor-titor especializado na materia, en pequenos grupos de ata 12 participantes, e en proxectos que xorden de necesidades reais.

A formación proposta inclúe titorías de orientación e fomento do emprego que, de xeito individualizado, acompañan e apoian ao alumnado na mellora da empregabilidade ou na posta en marcha de novas iniciativas empresariais en función das competencias adquiridas.

A Consellería do Mar, a través do CETMAR, programa periodicamente as accións formativas a impartir, atendendo sempre ás necesidades dos traballadores e empresas implicadas no sector marítimo.

A oferta de Aixola componse así, por unha banda, de formación acreditada e homologada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para a impartición de certificados de profesionalidade e, por outra, de cursos experimentais adaptados ás demandas do mercado laboral, deseñados do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e homologado polo Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).

Aínda que a oferta varía en cada período, toda a actividade formativa estrutúrase en torno ás áreas de composites, madeira, redes, instalacións e velería, acastillaxe e pneumáticas, impartida en todos os casos por profesores experimentados e especializados nestas materias.

Detalles do proxecto

Financiador:

Xunta de Galicia

Presuposto:

235.711,87 euros

Prazo de execución:

Anual

Máis información

Redes Sociais: 

FacebookInstagram

Dejar un comentario