“Os niveis de contaminación química no esteiro do río Miño son en xeral baixos en comparanza con zonas veciñais de Galicia ou Portugal, o cal supón un incentivo para preservar este ecosistema do impacto humano”. Foi unha das conclusións dos traballos realizados no marco do proxecto europeo TEAM-Miño, que hoxe se deron a coñecer nun seminario no Centro Tecnolóxico do Mar, socio nesta iniciativa xunto a institucións galegas e lusas.
A apertura da xornada correu a cargo da directora-xerente da Fundación CETMAR, Paloma Rueda Crespo, quen estivo acompañada polo presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, e pola vicerreitora da Universidade de Vigo, Asunción Longo.
Tras varios relatorios científicos expuxéronse as conclusións do proxecto, que pretendía desenvolver ferramentas comúns para a implementación coordinada da Directiva Marco do Auga neste esteiro. Este proceso, afirmaron os expertos, vai especialmente atrasado en augas de transición, debido especialmente ás particularidades deste tipo de augas a medio camiño entre río e mar.
Despois de analizar en profundidade o caso da desembocadura do Miño, os socios de TEAM-Miño concluíron que a actual delimitación das catro masas de auga de transición definidas no esteiro internacional impiden a aplicación de niveis de referencia comúns a todas elas, xa que presentan características hidrográficas e ecolóxicas totalmente distintas.
Para resolver este problema, os expertos propoñen aplicar niveis de referencia típicos de esteiros con dominancia mariña á masa de auga mais externa; niveis de referencia de esteiros con dominancia fluvial á masa intermedia, e finalmente, niveis de referencia de eixes principais fluviais as dúas masas máis internas, que poden así ser fundidas nunha única. Finalmente, para a clasificación do estado ecolóxico destas masas de auga recoméndase empregar “información biolóxica rápida, sensible e ecoloxicamente relevante subministrada polas técnicas denominadas biomarcadores ou bioensaios”.
Coordinado pola Estación de Ciencias Mariñas de Toralla da Universidade de Vigo, no consorcio de TEAM-MIÑO participan xunto á FundaciónCETMARa Axencia Portuguesa do Ambiente; Augas de Galicia; o Centro de Monitorização e Interpretação Ambiental de Vila do Conde; o Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental; a Confederación Hidrográfica Miño-Sil; o Instituto Español de Oceanografía; o Instituto Nacional dos Recursos Biolóxicos de Portugal; a Mancomunidade de Municipios do Baixo Miño e a Universidade de Aveiro.
Ademais do traballo científico, o proxecto incluíu diferentes actividades de difusión a ambas marxes do esteiro do Miño para dar a coñecer a súa labor tanto ás administracións como ao público en xeral.