Novedades

Os expertos avogan pola cooperación de administración e sector para mellorar a xestión da pesca artesanal en Europa

O presente e o futuro da pesca artesanal foi obxecto de debate na conferencia final do proxecto europeo PRESPO que durante todo o día estase a desenvolver na sede do Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo. Expertos das institucións e organismos de Portugal, Francia e España que participan no devandito proxecto expuxeron os resultados de mais de tres anos de traballos encamiñados a mellorar a xestión da pesca artesanal e a garantir a súa sustentabilidade. No cumprimento dese fin avogaron pola implicación do sector en colaboración coas administracións rexionais e europeas.

O representante do Instituto Nacional dos Recursos Biolóxicos de Portugal –IPIMAR- e xefe de filas de PRESPO, Miguel Gaspar, foi o encargado de abrir os relatorios tras a inauguración da xornada por parte de Paloma Rueda Crespo, directora-xerente da Fundación CETMAR. Gaspar explicou que os once socios do proxecto levan tres anos e medio traballando para dar resposta aos problemas da pesca artesanal e buscar solucións que serán trasladadas ás administracións rexional e europea para a súa posta en práctica.

Recoñeceu que o traballo foi difícil dadas as reticencias e as desconfianzas atopadas inicialmente no sector pero afirmou que esas barreiras foron finalmente superadas e que foi posible involucrar aos pescadores na busca de solucións ás carencias do sector, como son o “escaso coñecemento da pesca artesanal, os problemas de xestión ou a baixa rendibilidade das embarcacións”.

Para mellorar esas carencias os socios de PRESPO puxeron en marcha cinco grupos de traballo dedicados a adquisición de información sobre a pesca artesanal, ao desenvolvemento de modelos de xestión, á realización de estudos sobre diversificación e comercialización ou ao análise da selectividade e dos descartes.

Sobre o coñecemento da pesca artesanal falou Lucía García, do Centro de Experimentación Pesquera, quen destacou a importancia de mellorar a información na procura dunha xestión sostible baseada no coñecemento. Precisamente para cumprir ese obxectivo os socios de PRESPO puxeron en marcha varias accións, como a creación de observatorios de pesca artesanal a nivel local ou rexional ou a elaboración dun informe sobre a caracterización da flota artesanal no Arco Atlántico dispoñible na web do proxecto, onde tamén é posible consultar un mapa interactivo con información sobre a flota artesanal en cada rexión.

Outra das ferramentas froito do traballo dos socios do proxecto é unha base de datos con información sobre as iniciativas de diversificación socioeconómica activas en varios países de Europa, que foi presentada por Javier Félix, técnico da Fundación CETMAR (http://webs.cetmar.org/prespo/). Félix expuxo ademais as recomendacións articuladas polo grupo de traballo de PRESPO para optimizar e dirixir este tipo de accións que, recalcou, “deben ser complementarias á pesca”, é esbozou os resultados do análise sobre a demanda de turismo mariñeiro.

Este estudo pioneiro permite identificar non só a aqueles usuarios potenciais das iniciativas de turismo mariñeiro, se non tamén coñecer canto estarían dispostos a pagar por participar nelas e cales serían as súas preferencias concretas neste ámbito.

Tras realizar 1.500 entrevistas a potenciais usuarios en Galicia, País Vasco, Cantabria, Asturias e Andalucía concluíuse que existe un baixo nivel de coñecemento sobre este tipo de iniciativas que, sinalou, é especialmente notable en Galicia, onde en cambio a oferta de actividades de turismo mariñeiro é abundante. Tamén asegurou que un 97% das persoas que participan neste tipo de iniciativas as valora de forma satisfactoria o moi satisfactoria.

Unha mesa redonda sobre o presente e o futuro da pesca artesanal porá fin esta tarde a esta conferencia internacional que servirá de peche ao proxecto PRESPO. Coordinado polo Instituto Nacional de Recursos Biolóxicos-IPIMAR de Portugal, o proxecto é financiado pola Unión Europea e pola Consellería do Medio Rural e do Mar e conta cun presuposto de arredor de 3,5 millóns de euros.

O CETMAR, que enmarca o seu traballo en PRESPO dentro da súa liña estratéxica de dinamización e diversificación do tecido social e produtivo, traballa neste proxecto xunto a outras dez institucións e centros de investigación, como son ademais de IPIMAR, AGLIA; Institut Français de Recherche pour l’Exploitation de la Mer (IFREMER); Réseau d’ Information et de Conseil en Economie des Pêches de Francia; Universidade de Porto; AZTI-Tecnalia; Universidad de Cádiz; Universidad de Huelva; Consejería de Medio Ambiente y Desarrollo Rural del Principado de Asturias, y el Instituto Andaluz de Investigación y Formación Agraria, Pesquera, Alimentaria y de Producción Ecológica.

http://www.cripsul.ipimar.pt/PRESPO/

Dejar un comentario