Novedades

O observatorio RAIA presenta novas aplicacións de información e predición meteorolóxica e oceanográfica na marxe Ibérica

Dar resposta as necesidades de información meteorolóxica e oceanográfica na eurorexión Galicia-Norte de Portugal é xa posible gracias ao Observatorio RAIA, unha rede de observación e predición “das mais densas de Europa” cuxos responsables presentaron hoxe novos produtos destinados ao turismo e á náutica recreativa, nunha xornada no Centro Tecnolóxico do Mar.

Representantes destes sectores puideron coñecer algúns dos servizos para usuarios finais, como é o caso da aplicación para a predición en praias ou a que permite coñecer as condicións do mar cara a práctica do surf, información dispoñible xunto a outros parámetros en www.marnaraia.com.

A xornada foi inaugurada pola directora xerente do Centro Tecnolóxico do Mar, que traballa neste proxecto europeo xunto a outros organismos e institucións de Galicia e do Norte de Portugal. No acto de apertura, Paloma Rueda Crespo estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, Juan José Duran, e polo representante do Patronato Rías Baixas, José Manuel Figueroa.

Todos eles coincidiron en resaltar a importancia que os servizos do Observatorio RAIA teñen para sectores de vital importancia na economía de Galicia, como é o caso do turismo ou da náutica recreativa, así como para outros profesionais vinculados ao mar. É o caso das miles de embarcacións en tránsito que cada ano pasan polas costas galegas, segundo recordou o presidente de Portos. “A información que aporta RAIA é importante para poder colaborar con eses navegantes”, afirmou.

O director de Meteogalicia e coordinador do proxecto RAIA.co, Vicente Pérez, interveu a continuación para afirmar que o Observatorio “é xa unha realidade para dar resposta as necesidades de información meteorolóxica e oceanográfica na marxe Ibérica”, isto a través dunha rede de observación e dun sistema de predición punteiro.

Recordou que toda a información –datos históricos e en tempo real dispoñibles cada dez minutos- pode ser consultada en www.marnaraia.com, onde tamén están os produtos para usuarios finais como o “Percegurú”, deseñado polo Intecmar, que predice as condicións do mar cara a extración do percebe. Ademais destas e das aplicacións presentadas hoxe, o consorcio RAIA segue a traballar en novos produtos como unha aplicación para a predición en rutas ou outra para o sector das enerxías renovables.

Xunto á Fundación CETMAR e Meteogalicia participan no proxecto RAIA.co (Observatorio Mariño da marxe Ibérica e do litoral) o Intecmar, o Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC, o Instituto Español de Oceanografía, o Instituto Hidrográfico de Portugal e as universidades de Vigo, Aveiro e Porto. A iniciativa está financiada polo programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal.

Dejar un comentario