Novedades

O CETMAR e os seus socios no Observatorio Raia poñen ao servizo do turismo a información oceanográfica e meteorolóxica

“A oceanografía operacional ao servicio do turismo e as actividades náuticas” é o título da xornada que, organizada no marco do proxecto europeo RAIA.co, terá lugar na sede do Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo o vindeiro 13 de xuño a partires das dez da mañá.

Tanto a Fundación CETMAR como os seus socios nesta iniciativa, que está coordinada por Meteogalicia, pretenden dar a coñecer os produtos e servizos que para a observación e predición do océano pode por a disposición destes sectores o Observatorio RAIA, tanto en Galicia como no Norte de Portugal.

O consorcio RAIA.co pretende ademais detectar os principais intereses e necesidades existentes nos ámbitos do turismo e dos deportes náuticos no que se refire á información oceanográfica e meteorolóxica e, paralelamente, definir e identificar unha proposta de produtos e servizos que poidan satisfacer as demandas derivadas das actividades de ocio e disciplinas deportivas que se desenvolven na costa de Galicia.

Trala apertura da xornada por parte da directora-xerente do CETMAR, a mañá proseguirá con diferentes presentacións sobre o Observatorio RAIA e sobre os produtos e servizos de interese para os devanditos sectores, como pode ser o caso das aplicacións webs e móbiles para a predición de praias ou a información on-line das condicións do mar para a práctica do surf.

A asistencia ao seminario será gratuita mediante a inscrición en http://www.cetmar.org/seminarios/RaiaCo/

O proxecto RAIA.co (Observatorio Mariño da marxe Ibérica e do litoral) ten como principal obxectivo consolidar a oceanografía operacional na marxe ibérica e litoral da eurorexión Norte de Portugal-Galicia, elo mediante a posta en marcha dunha rede de observación e predición oceánica que produza información valiosa para os usuarios das costas.

Xunto á Fundación CETMAR e Meteogalicia participan neste proxecto, financiado polo programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, o Intecmar, o Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC, o Instituto Español de Oceanografía, o Instituto Hidrográfico de Portugal e as universidades de Aveiro e Porto.

Dejar un comentario