Catro funcionarios do Servicio de Saúde Animal de Costa Rica (SENASA) asisten dende hoxe no Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo a unhas xornadas de formación coordinadas pola Fundación CETMAR no marco do proxecto “Apoio ao cumprimento de medidas sanitarias e fitosanitarias PROMESAFI”, que financia a Comisión Europea en colaboración co goberno costarricense. O obxectivo desta acción formativa é fortalecer as capacidades técnicas do SENASA nas áreas de trazabilidade e inocuidade de produtos pesqueiros e acuícolas.
Dende hoxe e ata o 23 de marzo, os participantes nas xornadas asistirán a sesións formativas impartidas por persoal técnico do CETMAR, da Consellería de Sanidade e do Goberno central, así como da universidade e de institutos de investigación, entre outros. Ao mesmo tempo realizarán prácticas nas institucións de maior relevancia e con competencia nas materias obxecto do curso e visitarán empresas públicas e privadas, centros de investigación ou organizacións sectoriais.
Así, está previsto que os funcionarios costarricenses visiten o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño INTECMAR, o Porto de Vigo ou as dependencias de Sanidade Exterior, entre outras saídas programadas. A primeira terá lugar o vindeiro venres 2 de marzo á lonxa e a cooperativa de armadores de Vigo pola mañá, e ao porto de Baiona pola tarde.
A directora xerente do Centro Tecnolóxico do Mar, Paloma Rueda Crespo, foi a encargada esta mañá de dar a benvida aos funcionarios do SENASA e de inaugurar as xornadas formativas, que neste primeiro día incluíron relatorios sobre o sistema europeo de seguridade alimentaria ou a regulamentación hixiénico-sanitaria.
Cooperación internacional
Costa Rica e a Unión Europea firmaron un proxecto de Cooperación Internacional (PROMESAFI http://www.sfe.go.cr/promesafi/) co obxectivo de mellorar o cumprimento das medidas sanitarias e fitosanitarias e facilitar o acceso dos produtos agrícolas, pecuarios e pesqueiros ao mercado europeo. O custe total desta iniciativa é de 7 millóns de euros.
O convenio de financiamento do devandito proxecto inclúe a realización de accións en tres áreas: o equipamento e a modernización dos servicios sanitarios e fitosanitarios, o apoio institucional e, finalmente, a capacitación e formación dos usuarios externos de ambos servizos. O Centro Tecnolóxico do Mar participa nesta iniciativa da man do Ministerio de Agricultura e Gandería da República de Costa Rica.