Novedades

Expertas do CETMAR e do INTECMAR participan en Londres nunha reunión do Comité de Protección do Medio Mariño da Organización Marítima Internacional

 

Los socios de ARCOPOLplus en CETMAR durante la reunión de lanzamiento del proyecto

O Centro Tecnolóxico do Mar e o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia participan dende hoxe nunha reunión do Comité de Protección do Medio Mariño da Organización Marítima Internacional, que terá lugar do 5 ao 9 de marzo na cidade de Londres.

Marisa Fernández, responsable da área de Control e Xestión do Medio e dos Recursos Mariños do CETMAR, acompañada por Garbiñe Ayensa, xefa da Unidade de Documentación e Apoio Científico  do INTECMAR, exporán os avances aos que se ten chegado no desenvolvemento do proxecto ARCOPOL que, liderado pola fundación galega, ten como obxectivo a mellora das capacidades das autoridades rexionais e locais na resposta e mitigación da contaminación marítima accidental.

As expertas galegas darán a coñecer os resultados do devandito proxecto no decurso da 13ª reunión do Grupo de Traballo denominado “OPRC-HNS TG”. Este grupo foi creado no seo do Comité de Protección do Medio Mariño da Organización Marítima Internacional (OMI). O seu obxectivo é o desenvolvemento do Convenio Internacional sobre cooperación, preparación e loita contra a contaminación mariña por hidrocarburos de 1990 (OPRC 90) e o seu protocolo sobre sustancias nocivas e potencialmente perigosas (OPRC-HNS 2000), ratificados por España nos anos 1994 e 2005, respectivamente.

Foi a Administración española, e máis concretamente a Dirección General de Marina Mercante, a que invitou ás expertas galegas a formar parte da delegación española que participará neste foro da Organización Marítima Internacional, oportunidade que permitirá a CETMAR e INTECMAR dar conta dos avances derivados do desenvolvemento de ARCOPOL.

Este proxecto, que se iniciou no 2009 e que conta coa participación de 12 socios de 5 países (Irlanda, Reino Unido, Francia, España e Portugal), ten como obxectivo a mellora das capacidades das autoridades locais e rexionais na loita contra a contaminación marítima accidental producida por hidrocarburos, sustancias nocivas e potencialmente perigosas, e inertes. Os resultados acadados neste anos de traballo foron notables, tanto no que atinxe ao desenvolvemento de guías, ferramentas e metodoloxías estándar, como para promover a colaboración transfronteiriza entre países veciños,  mellorar as estratexias de resposta e asistencia mutua, e contar co asesoramento dunha rede de expertos en toda a fachada atlántica.

Todos eses avances xa se están a incorporar aos respectivos plans de continxencias nas comunidades que, como no caso de Galicia, participan en ARCOPOL. Agora preténdese que, a través do Comité de Protección do Medio Mariño, tamén sexan difundidos pola Organización Marítima Internacional.

ARCOPOLplus

As expertas galegas aproveitarán a súa presencia no foro de Londres para expoñer as directrices do proxecto “ARCOPOLplus” que, coordinado tamén polo CETMAR, dará continuación aos traballos de ARCOPOL ao longo de 2012 e 2013.  O obxectivo é seguir avanzando no aumento da seguridade marítima e da protección das costas atlánticas e dos recursos que nelas se producen fronte a episodios de contaminación marítima accidental causados por hidrocarburos o por sustancias nocivas y potencialmente perigosas, elo a través da transferencia de tecnoloxía, da formación e da innovación.

Por un lado, ARCOPOLplus valorizará os resultados xerados en ARCOPOL, que serán actualizados e implementados a través de accións piloto e de actividades de formación nas que participarán os principais actores das distintas rexións. As ferramentas de seguimento, predicción e apoio na decisión serán adaptadas ás necesidades das autoridades locais e rexionais que poderán capacitarse na súa utilización. O proxecto servirá ademais para reforzar a rede atlántica de expertos existente en preparación e resposta a episodios de contaminación marítima accidental (creada en ARCOPOL), promovendo una maior implicación da industria e dos principais actores interesados.

ARCOPOLplus  está sendo desenvolvido por un consorcio formado por socios de catro países (Reino Unido, Portugal, Irlanda e España), onde están amplamente representadas as autoridades competentes a nivel local e rexional, así como centros de investigación. Trátase dun proxecto financiado polo Programa Transnacional Espacio Atlántico e conta cun presuposto de 1,9 millóns de euros. A reunión de lanzamento do proxecto tivo lugar o 1 de marzo na sede do CETMAR.

Dejar un comentario