O Centro Tecnolóxico do Mar, Cetmar, organizará o próximo venres 11 de novembro un seminario para abordar a situación do cultivo do linguado e a súa consolidación como especie de acuicultura. A xornada, que leva como título Dietas Sustentables no Cultivo de Peixes Planos, está organizada polo Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA) e o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), en colaboración co Cetmar, todas elas entidades pertencentes á Consellería do Mar.
Este seminario é o terceiro dunha serie de eventos encadrado dentro das actividades do proxecto europeo IBEROMARE e, neste caso, está dedicado integramente á problemática do desenvolvemento de dietas sustentables para alimentación de peixes planos, máis concretamente, do linguado.
O linguado é unha das especies de acuicultura á que se dedicou un maior esforzo nos últimos anos a fin de consolidar o seu cultivo. A maioría dos traballos realizados ata o momento, centráronse fundamentalmente no linguado senegalés (Solea senegalensis) e, actualmente, toda a produción industrial do linguado que existe en España, 204 Tm no ano 2010, é desta especie. Estímase que esta produción vaia ter un gran incremento nos próximos anos coa construción de varias plantas de cultivo, o que pode converter ao linguado senegalés nunha das principais especies da piscicultura mariña en España.
Os contidos do seminario teñen por finalidade achegar, de forma monográfica, unha visión conxunta dos aspectos máis transcendentes que concorren no cultivo desta especie, desde a formulación de dietas específicas -impacto ambiental mínimo, elevado valor nutricional- ata o estado actual da produción a escala industrial, pasando por aspectos sanitarios.
As distintas temáticas a desenvolver estarán a cargo de investigadores de recoñecido prestixio, e cuxa identidade pódese consultar no díptico ao que ten acceso a través do seguinte link: www.cetmar.org/seminario/cultivopecesplanos/inscripcion.asp. A inscrición para o seminario, totalmente gratuíta, tamén pode facerse a través do mesmo link.