Arcopol é un proxecto europeo, financiado no marco do Programa Espazo Atlántico que aborda a loita contra a contaminación mariña derivada do transporte marítimo de maneira global en todas as súas vertentes, antes, durante e despois da contaminación. O seu obxectivo principal é mellorar as capacidades de prevención, resposta e mitigación dos vertidos de hidrocarburos, sustancias químicas nocivas e potencialmente perigosas e inertes, establecendo as bases dunha Rede Atlántica sustentable integrada polos principais actores neste ámbito e apoiada polas ferramentas de xestión da información relevante para a loita contra a contaminación. O proxecto desenvolveuse a través de 12 socios, que son entidades de España, Francia, Irlanda, Reino Unido e Portugal. Entre elas está a Consellería do Mar e os seus centros Intecmar e Cetmar e a Consellería de Medioambiente, Territorio e Infraestruturas.
Este proxecto nace doutro anterior, o EROCIPS, que se centrou exclusivamente nos vertidos de hidrocarburos. Nesta iniciativa tamén participou activamente Galicia, do mesmo xeito que noutros proxectos de gran relevancia neste campo como o EASY, o DRIFTER ou o RAIA.
O plan de continxencias da Xunta incluirá ferramentas do proxecto europeo Arcopol de loita contra a contaminación mariña. Sinalouno a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante a inauguración da conferencia na que se exporán os resultados deste proxecto europeo, do que é socia a Consellería do Mar e que busca mellorar as capacidades de prevención, resposta e mitigación dos vertidos de hidrocarburos e substancias químicas. Durante a súa intervención a conselleira anunciou a continuidade deste proxecto a través da iniciativa Arcopol Plus, aprobada recentemente, o que fai que esta conferencia tamén sirva para “anunciar o principio dunha nova fase de colaboración transnacional”.
Segundo sinalou a conselleira, a través de accións de formación e transferenza, o Arcopol Plus dará prioridade á implementación dos produtos e recursos xerados en Arcopol. A conselleira engadiu que grazas a este proxecto, o seu departamento dispón de información costeira “moito máis completa, precisa e accesible a través de ferramentas web”.Esta información permite, segundo sinalou a titular de Mar, predicir mellor as posibles consecuencias dun vertido accidental e ter unha mellor organización na resposta global a estes episodios de contaminación mariña.
Neste sentido, salientou a importancia de que as administracións conten con plans de continxencia para facer fronte a episodios de contaminación mariña e destacou o labor emprendido polo proxecto Arcopol para desenvolver coñecementos, protocolos e ferramentas innovadores coa finalidade de que poidan incorporarse aos plans de continxencia, baseándose no intercambio de experiencias e boas prácticas entre as rexións.
Rosa Quintana tamén destacou que a través deste proxecto se sentaron as bases para a colaboración europea das rexións atlánticas, “tan importante para as futuras melloras neste campo”. Por último Rosa Quintana recoñeceu o labor e a dedicación dos técnicos no desenvolvemento desta iniciativa.