A utilización de envases activos como ferramenta para mellorar a conservación dos produtos pesqueiros será o tema central dun seminario que o Centro Tecnolóxico do Mar-FundaciónCETMARorganizará o vindeiro 21 de setembro na súa sede en Vigo.
Os devanditos envases rebeláronse nos últimos años como unha tecnoloxía emerxente alternativa á que recorrer con vistas a posibilitar esas melloras. Nesta xornada abordaranse distintas vertentes relacionadas con esta temática nun intento por aportar aos asistentes unha visión global. Así, analizaranse os dous sistemas de inclusión de aditivos no envase (inclusión e impregnación), e os impedimentos e limitacións que desde o punto de vista legal existen para estes desenvolvementos.
O evento servirá ademais para a presentación de resultados do proxecto ENVACFISH, unha iniciativa na que a área de Tecnoloxía dos Produtos Pesqueiros doCETMARven traballando xunto a grupos de investigación das tres universidades galegas, e que foi financiada pola Xunta de Galicia a través do Plan Galego de I+D.
O obxectivo do devandito proxecto, no que se leva traballando dende o ano 2009, centrouse no estudio da aplicabilidade de extractos naturais (tocoferois) como aditivo nunha matriz plástica de polietileno para deseñar un envase activo de utilidade en productos da pesca conxelados.
Diferentes expertos abordarán esta temática nunha xornada que leva por título “Inclusión de aditivos alimentarios en matrices plásticas e efectos sobre produtos pesqueiros envasados. Resultados do proxecto ENVACFISH”, e que será inaugurada pola directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar,Paloma Rueda Crespo.
Xunto á Fundación CETMAR forman parte do consorcio do proxecto ENVACFISH o departamento de Enxeñería Química da Escola Técnica Superior de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo; o departamento de Química Analítica, nutrición e Bromatoloxía da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago e, finalmente, o grupo de Polímeros da Escola Universitaria Politécnica e do Centro de Investigacións Tecnolóxicas da Universidade da Coruña.