O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR acollerá o vindeiro mércores 21 de novembro a xornada de lanzamento do proxecto ECODRAGA, unha nova iniciativa na que a institución galega colabora coas empresas Canlemar, Nodosa e Centro de Investigaciones Submarinas, así como coas universidades de Vigo e A Coruña. O seu obxectivo é o deseño dunha draga ecolóxica para a limpeza por succión dos fondos mariños e un sistema de vertedura do material no medio mariño con menor impacto por dispersión do material dragado.
O proxecto está financiado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial a través do programa Innterconecta Galicia e a xornada de presentación será inaugurada polo Director da Axencia Galega de Innovación. A clausura correrá a cargo do Presidente de Portos de Galicia.
CETMAR fará unha presentación xeral do proxecto e a continuación representantes das empresas do consorcio ofrecerán unha visión xeral, comercial e empresarial e de mercado da ECODRAGA. A presentación técnica correrá a cargo dos grupos de investigación implicados na iniciativa.
O programa da xornada, que se desenvolverá de 10:00 a 13:00 horas, inclúe relatorios sobre o plan de verteduras de Galicia, sobre a lexislación de dragado e sobre a importancia desta técnica en España a cargo de representantes de Puertos del Estado, CEDEX e Portos de Galicia.
Unha mesa redonda cos relatores, empresas e investigadores seguida de coloquio porá fin ao evento, no que é posible inscribirse a través da web do Centro Tecnolóxico do Mar (www.cetmar.org/seminarios/Ecodraga/).