Novedades

Rede Galega Escolas Azuis

Presentación da Rede Galega de Escolas Azuis, impulsada polo proxecto NEREIDA

  • CETMAR presenta a Rede Galega de Escolas Azuis, una iniciativa para formar ás novas xeracións na protección dos ecosistemas acuáticos e no uso da ciencia como ferramenta para a sustentabilidade e a adaptación ao cambio climático.

O edificio Redeiras da Universidade de Vigo acolleu este xoves, 4 de setembro, o acto de presentación da Rede Galega de Escolas Azuis, unha iniciativa que nace no marco do proxecto NEREIDA e que conta coa colaboración do CETMAR, tanto no proxecto como na organización do evento.

A Rede Galega de Escolas Azuis está destinada a centros educativos que incorporan a alfabetización oceánica e acuícola ás súas actividades mediante proxectos científicos vencellados ao mar, ríos e lagos.

A través desta Rede, os centros educativos participantes reciben apoio para desenvolver proxectos azuis, acceder a materiais especializados, participar en programas de formación docente e optar a financiamento europeo. O obxectivo é implicar ao alumnado e á comunidade local, fomentando unha aprendizaxe práctica e crítica sobre os ecosistemas acuáticos. Tamén busca sensibilizar sobre o papel fundamental do océano na regulación climática e na biodiversidade.

A xornada de presentación celebrouse ao longo do día de hoxe no Edificio Redeiras da Universidade de Vigo, situado no Berbés. O programa incluiu a presentación institucional da rede, exemplos de boas prácticas en centros xa acreditados, un obradoiro participativo de creación de proxectos e espazos para o diálogo e a posta en común de conclusións.

Esta iniciativa intégrase na Network of European Blue Schools (NEBS), impulsada pola Comisión Europea no marco da coalición EU4Ocean e coordinada pola European Marine Science Educators Association (EMSEA). Contribúe así ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 4 e 14 (educación de calidade e conservación da vida submarina) e aos obxectivos da Década das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible 2021–2030, proclamada pola ONU e liderada pola UNESCO.

Dejar un comentario