O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR ven de organizar un curso para mellorar a formación técnica de formadores de Mozambique que se iniciou hoxe nas instalacións do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA) e que se prolongará ata finais deste mes de xuño. A actividade desenvólvese en colaboración coa Xunta de Galicia a través de Cooperación Galega.
O obxectivo do curso, no que participan catro técnicos mozambiqueños, é aumentar as súas capacidades no manexo do cultivo dos peixes tropicais, afondando en cuestións como a implementación de novos cultivos acuícolas, comparar o cultivo de especies de auga doce e de auga mariña ou a importancia dun tratamento adecuado das especies tanto no cultivo como na comercialización.
A impartición deste curso, que terá unha duración de cen horas e que correrá a cargo de persoal do IGAFA e de profesorado externo, enmárcase nun conxunto de accións dirixidas ao reforzo da acuicultura no norte de Namibia. Con este proxecto preténdese a formación técnica da escola de pesca, o reforzo do servicio de extensión acuícola ou a mellora dos sistemas de produción mediante estanques, entre outros obxectivos.
O Centro Tecnolóxico do Mar ven de colaborar co Instituto Nacional de Acuicultura –INAQUA- dende o ano 2008 e dende entón conta co financiamento da Xunta de Galicia e da Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo.