Novedades

Os expertos debaten sobre o estado ecolóxico do esteiro do río miño nun seminario no Centro Tecnolóxico do Mar

O esteiro do río Miño e a súa calidade medioambiental foron obxecto hoxe dun seminario na sede do Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo no marco do proxecto TEAM-Miño, no que a Fundación CETMAR participa xunto a investigadores e administracións con competencia nas bacías hidrográficas de Galicia e do Norte de Portugal.

A directora-xerente do CETMAR, Paloma Rueda Crespo, foi a encargada da apertura desta xornada nunha intervención na que recordou o valor ecolóxico do río Miño e a importancia do seu mantemento en condicións óptimas. Por este motivo agradeceu o traballo de todos os socios que están a desenvolver as accións do proxecto europeo TEAM-Miño, unha iniciativa que, dixo, axudará a preservar este entorno natural que comparten Galicia e o Norte de Portugal. Rueda Crespo agradeceu tamén a presencia do arredor de medio cento de expertos que asistiron ao seminario.

O encargado de dar a coñecer os pormenores do proxecto foi José Luís Gómez, técnico da área de Control e Xestión do Medio e dos Recursos Mariños do CETMAR, quen explicou que o obxectivo fundamental de TEAM-Miño é abordar o grado de implementación da Directiva Marco da Auga neste esteiro e expor unha aproximación preliminar do estado ecolóxico das súas masas de auga, froito dos resultados obtidos a raíz das mostraxes realizadas neste ano polos membros do consorcio.

“Transferencia de ferramentas para a avaliación, ordenación, xestión e educación ambiental en esteiros” é o título do proxecto que, recordou o representante do CETMAR, está financiado pola Unión Europea a través do programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal e terá actividade ata mediados de 2013, cando se celebrará a conferencia final.

Coordinado pola Estación de Ciencias Mariñas de Toralla da Universidade de Vigo, no consorcio de TEAM-MIÑO participan xunto á Fundación CETMAR a Administração Rexional Hidrográfica do Norte de Portugal; Augas de Galicia; o Centro de Monitorização e Interpretação Ambiental de Vila do Conde; o Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental; a Confederación Hidrográfica Miño-Sil; o Instituto Español de Oceanografía; o Instituto Nacional dos Recursos Biolóxicos de Portugal; a  Mancomunidade de Municipios do Baixo Miño e a Universidade de Aveiro.

Desenvolver ferramentas comúns para a aplicación coordinada da Directiva Marco da Auga no esteiro do Miño e potenciar a participación cidadá na xestión e conservación deste ecosistema acuático son os obxectivos xerais deste proxecto europeo, que busca a colaboración e implicación das administracións e da sociedade a ambas as beiras do río.

Dejar un comentario