Fortalecer o desenvolvemento académico e investigador de Cabo Verde no ámbito mariño propiciando así o desenvolvemento do sector e das persoas que del dependen e o obxectivo xeral dun memorándum subscrito hoxe entre o Campus do Mar e a Universidade e o Goberno do país africano, acordo que foi posible coa mediación do Centro Tecnolóxico do Mar.
O A Fundación CETMAR, a través da súa área de Cooperación Internacional, ven colaborando dende o ano 2009 con institucións e co goberno caboverdiano en iniciativas encamiñadas ao desenvolvemento do seu sector pesqueiro, unha relación que posibilitou o acordo subscrito hoxe entre aquel país e o Campus do Mar, cuxos fins comparte a Fundación galega.
O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, asinou o memorándum mediante vídeoconferencia co reitor da Universidade de Cabo Verde, Paulino Lima Fortes, e co presidente do Instituto Nacional de Desenvolvemento das Pescas, Óscar David Melicio, nun acto ao que asistiu a directora-xerente do CETMAR, Paloma Rueda Crespo, e que se celebrou no Reitorado.
Mato celebrou que esta iniciativa sexa unha realidade e agradeceu o traballo do Centro Tecnolóxico do Mar para facela posible ao tempo que desexou que este primeiro contacto entre o Campus do Mar e Cabo Verde derive en outras alianzas de futuro. Pola súa banda, Paloma Rueda Crespo compartiu as esperanzas do reitor en que “esta nova empresa fructifique e dea os froitos que todos desexamos”.
A finalidade deste acordo de colaboración é reforzar a formación doutoral do tecido científico de Cabo Verde para sentar as bases dun programa propio de doutoramento no eido mariño. No mes de setembro incorporaranse catro investigadores ao programa internacional de doutoramento do Campus do Mar, que cursarán en Galicia o primeiro ano de estudo e os tres seguintes no país de orixe baixo a titorización de investigadores das institucións que forman parte do campus de excelencia.