O Centro Tecnolóxico do Mar presentará o Centro Multipolar de Valorización de Recursos e Residuos Mariños nun seminario que se celebrará o vindeiro venres 20 de xullo e que servirá de peche ao proxecto europeo IBEROMARE, en cuxo marco desenvolveuse esta iniciativa.
A xornada, que será inaugurada pola directora-xerente da FundaciónCETMAR,Paloma Rueda Crespo, e polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, servirá ademais para presentar os resultados do devandito proxecto nun relatorio no que participará o coordinador da área de Tecnoloxía dos Produtos Pesqueiros do Centro,Julio Maroto.
O Centro Multipolar, que deu título ao proxecto, pretende ser un axente activo na busca de alternativas de valorización de recursos mariños e subprodutos pesqueiros, da acuicultura e da industria alimentaria para aplicacións nos sectores da alimentación, cosmética, biomedicina e farmacia, entre outros.
Financiado polo Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 (Interreg A) e coordinado polo 3B´s Research Group da Universidade do Minho, o proxecto IBEROMARE contou coa participación, ademais da Fundación CETMAR, da Consellería do Medio Rural e do Mar (IGAFA e CIMA), das universidades de Vigo e Santiago, do Centro Interdisciplinar de Investigaçao Marinha e Ambiental-CIIMAR; do LSRE-Laboratory of. Separation and Reaction Engineering; do Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC, e do ESB Research Group.