O Centro Tecnolóxico do Mar ven de organizar un foro sobre as posibilidades de explotación e aproveitamento das macroalgas en Galicia que terá lugar o vindeiro 8 de outubro na sede da Fundación en Vigo. O evento, que se celebra ao amparo da Plataforma Tecnolóxica TECNOPEIXE, reunirá a expertos na materia en dúas sesións matinais e en tres mesas de debate, estas últimas desenvolveranse polo serán.
A situación actual das macroalgas e as problemáticas asociadas a súa xestión centrará así a primeira das sesións, na que intervirán expertos da Consellería do Medio Rural e do Mar, da Universidade da Coruña e dalgunhas das Confrarías interesadas no recurso. Tras o debate celebrarase a segunda sesión sobre as posibilidades de valorización deste recurso e as súas aplicacións actuais en sectores como o alimentario, cosmético ou químico, entre outros. Neste punto falarán representantes das empresas que están a facer uso das algas galegas hoxe en día, e presentaranse iniciativas de fomento da colaboración entre os diferentes actores interesados no recurso.
O foro proseguirá polo serán na sala de conferencias da FundaciónCETMARco desenvolvemento de tres mesas de debate na que os expertos falarán sobre cuestións como a extracción sostible deste recurso, a produción de algas en cultivo ou os retos no seu aproveitamento e valorización.
O obxectivo das mesas é o de por enriba da mesa os retos de futuro e/ou as posibles solucións, e oportunidades de colaboración para dar resposta aos problemas que poidan terse abordado nas sesións da mañá. Asemade, atender aquelas que poidan xurdir das propostas realizadas polos participantes e o público, incidindo especialmente nas que se traduzan en estratexias de colaboración entre os diferentes axentes implicados no proceso de explotación das macroalgas. Para isto darase pé á participación activa do público presente.
A participación no foro está aberta a todos interesados e a inscrición será posible a través da web da Plataforma TECNOPEIXE www.tecnopeixe.org nos vindeiros días.