Novedades

O CETMAR aposta polas aplicacións biomédicas como alternativa cara á valorización dos subprodutos da actividade pesqueira

Por 16 noviembre, 2012 Ningún comentario

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR deu hoxe un paso mais na súa aposta pola valorización dos subprodutos derivados da actividade pesqueira coa celebración dun novo seminario sobre a utilización destes e doutros organismos mariños cara ao desenvolvemento de produtos nutracéuticos e alimentos funcionais, de constatados beneficios para a saúde das persoas.

Organizado no marco do proxecto MARMED “Desenvolvemento de produtos biomédicos innovadores a partires da valorización de recursos mariños”, o seminario foi inaugurado pola directora-xerente do CETMAR, Paloma Rueda Crespo, quen destacou a “grande demanda e aceptación social” dos produtos nutracéuticos e alimentos funcionais e os seus beneficios para a saúde das persoas. Por este motivo, engadiu, o seu desenvolvemento é “unha moi boa vía” cara á valorización dos subprodutos pesqueiros.

Pola súa banda,Julio Maroto, coordinador da área de Tecnoloxía dos Produtos Pesqueiros e responsable do proxecto MARMED na institución, recordou que o seminario que se celebraba hoxe era o último dunha serie de ata catorce xornadas desenvolvidas nos últimos seis anos sobre diferentes temáticas vinculadas sempre a valorización dos subprodutos xerados pola actividade pesqueira e organismos mariños, unha liña de traballo estratéxica para o Centro Tecnolóxico do Mar.

Explicou tamén que os devanditos seminarios son froito das investigacións que neste ámbito desenvolvéronse nos últimos anos en outros catro proxectos europeos cuxo obxectivo global eran os aspectos relacionados coa valorización, como foi o caso de VALBIOTEC, BIOTECMAR, PROTEUS e IBEROMARE. Finalmente, moitas das capacidades dos consorcios que fixeron posible eses proxectos, nos que participou oCETMAR, converxeron en MARMED, no que traballan dez socios de España, Portugal, Reino Unido, Francia e Irlanda.

Liderado pola Universidade portuguesa do Minho, todos os socios deste proxecto son grupos de investigación a excepción da institución galega, que actúa como centro de transferencia. O seu obxectivo básico, segundo explicou Maroto, é a valorización a través do desenvolvemento de aplicacións no ámbito da saúde, “especialmente as biomédicas”. Entre as actividades desenvolvidas polo consorcio MARMED atópanse a identificación no Arco Atlántico de empresas capacitadas para valorizar os subprodutos ou organismos mariños; o estudio dos principios básicos existentes neles e, finalmente, a conexión entre empresas e grupos de investigación para o desenvolvemento de aplicacións.

Dejar un comentario