A cosmética mariña e a nutricosmética ou cosmética de terceira xeración serán protagonistas dun seminario organizado polo Centro Tecnolóxico do Mar, que o 10 de decembro reunirá na súa sede en Vigo a expertos nesta materia e a representantes de empresas do sector para abordar a problemática e as perspectivas de futuro destes produtos.
Durante a xornada, que se desenvolve no marco do proxecto europeo MARMED (http://www.marmedproject.eu/), están previstos relatorios sobre a cosmética e os principios activos de orixe mariña, o papel das algas e das macromoléculas de orixe mariña na formulación de produtos cosméticos, e sobre os nutricosméticos e cosmocéuticos de orixe mariña.
Abordaranse así diferentes aspectos vinculados á cosmética mariña e, paralelamente, introducirase aos asistentes nunha nova área de traballo como é a nutricosmética, baseada en suplementes nutricionais e alimentos funcionais con beneficios cosméticos, tales como mellorar a saúde da pel, do cabelo ou o aspecto físico en xeral dos seus usuarios.
A asistencia ao seminario é gratuíta e as persoas interesadas en participar deberán inscribirse a través da páxina web da Fundación CETMAR .