O esteiro do río Miño e a súa calidade medioambiental serán obxecto dun seminario que terá lugar o vindeiro venres 11 de xaneiro na sede do Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo no marco do proxecto TEAM-MIÑO, no que a Fundación CETMAR participa xunto a investigadores e administracións con competencias nas bacías hidrográficas de Galicia e do Norte de Portugal.
A directora-xerente do CETMAR, Paloma Rueda Crespo, será a encargada da apertura deste seminario, que ademais de para presentar o devandito proxecto servirá para abordar o grado de implementación da Directiva Marco da Auga neste esteiro e para expor unha aproximación preliminar do estado ecolóxico das súas masas de auga, froito dos resultados obtidos a raíz das mostraxes realizadas neste ano polos socios de TEAM-MIÑO.
“Transferencia de ferramentas para a avaliación, ordenación, xestión e educación ambiental en esteiros” é o título do proxecto que, financiado pola Unión Europea a través do programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, terá actividade ata mediados de 2013, cando se celebrará a conferencia final.
Coordinado pola Estación de Ciencias Mariñas de Toralla da Universidade de Vigo, no consorcio de TEAM-MIÑO participan xunto á Fundación CETMAR a Administração Regional Hidrográfica do Norte de Portugal; Augas de Galicia; o Centro de Monitorização e Interpretação Ambiental de Vila do Conde; o Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental; a Confederación Hidrográfica Miño-Sil; o Instituto Español de Oceanografía; o Instituto Nacional dos Recursos Biolóxicos de Portugal; a Mancomunidade de Municipios do Baixo Miño e a Universidade de Aveiro.
Desenvolver ferramentas comúns para a aplicación coordinada da Directiva Marco da Auga no estuario do Miño e potenciar a participación cidadá na xestión e conservación deste ecosistema acuático son os obxectivos xerais deste proxecto europeo, que busca a colaboración e implicación das administracións e da sociedade a ambas as beiras do río.