Novidades

O CETMAR pon a información oceanográfica ao servizo do marisqueo e da acuicultura a través do proxecto RAIA.co

By 11 Xuño, 2012 No Comments

Poñer a información oceanográfica ao servizo dos profesionais do marisqueo e a acuicultura foi o obxectivo da xornada que no marco do proxecto europeo RAIA.co celebrouse na sede do Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo. Representantes das diferentes institucións que participan na devandita iniciativa presentaron aos asistentes o Observatorio RAIA e a súa oferta de produtos e servizos no que se refire a observación e predición do océano.

No marco do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal e continuando as accións iniciadas no seu día polo proxecto RAIA,  RAIA.co “Observatorio Mariño do Marxe Ibérico e do Litoral” pretende consolidar a oceanografía operacional na marxe ibérica e litoral da Eurorexión Norte de Portugal-Galicia. Para elo preténdese a implementación dunha rede de observación e predicion oceánica transfronteiriza e a creación de oportunidades científicas e tecnolóxicas que estimulen a economía das diferentes actividades ligadas ao mar.

O obxectivo da devandita rede é acercar a información oceanográfica e meteorolóxica extremadamente valiosa ao marisqueo e a acuicultura de cara á xestión dos recursos mariños. Os sectores e actores implicados nesas actividades poderán beneficiarse do acceso a esa información, que se xerará en forma de produtos e servizos adaptados as súas necesidades.

Esa oferta foi presentada onte polos socios de RAIA.co nunha xornada que foi inaugurada pola directora-xerente da FundaciónCETMAR,Paloma Rueda Crespo, e que se iniciou coa presentación do Observatorio RAIA por parte de Vicente Pérez, director de Meteogalicia. A continuación, representantes das institucións que participan no proxecto falaron dos diferentes produtos e servizos, como a ferramenta de predición da ondada para percebeiros; as predicións meteorolóxicas e oceanográficas específicas para o marisqueo e a acuicultura ou as simulacións numéricas e observacións do océano para entender a floración de algas tóxicas e nocivas. A reunión serviu ademais para que os participantes expuxeran os principais intereses e necesidades da acuicultura e do marisqueo no que se refire á observación e predición do océano.

Coordinado por Meteogalicia (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas), o proxecto RAIA.co é responsabilidade dun consorcio no que, ademais do CETMAR participan o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR), o Instituto Español de Oceanografía-IEO, o Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC; as universidades de Porto e Aveiro e o Instituto Hidrográfico de Portugal. As súas actividades prolongaranse ata o ano 2013.

Leave a Reply