Novidades

O Cetmar colabora coa Universidade de Vigo nunha conferencia nacional sobre prevención e loita contra os riscos costeiros

By 6 Marzo, 2012 No Comments

O Centro Tecnolóxico do Mar está a colaborar coa Universidade de Vigo na organización dunha conferencia nacional sobre xestión de riscos costeiros que se enmarca no seo do proxecto europeo ANCORIM, no que a Fundación CETMAR participa xunto a socios galegos así como de Francia, Irlanda e Portugal. Durante a xornada, que terá lugar o 15 de marzo no edificio CITEXVI do Campus Universitario de Vigo, amosaranse os principais resultados do proxecto e outras iniciativas galegas e españolas relacionadas con esta materia.

Liderado pola rexión de Aquitania, o proxecto ANCORIM (http://ancorim.aquitaine.fr) ten como obxectivo a mellora das capacidades de prevención e loita contra os riscos costeiros nas rexións atlánticas. Ademais do Centro Tecnolóxico do Mar e da Universidade de Vigo, a rexión de Galicia está representada nesta iniciativa pola Deputación da Coruña e conta tamén coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

O proxecto, no que participan ademais socios procedentes de Francia, Irlanda e Portugal, céntrase en tres temáticas prioritarias: a erosión e mobilidade da liña de costa, a calidade das augas e o seu impacto nas actividades económicas costeiras e a ordenación do territorio litoral.

A conferencia prevista para o vindeiro 15 de marzo ten como obxectivo amosar os resultados de ANCORIM e outras iniciativas galegas e españolas relacionadas coa xestión dos riscos costeiros. A xornada, que dará comezo ás nove da mañá, desenvolverase en tres sesións (http://ancorim.aquitaine.fr/13931-15th-march-ancorim-national?lang=es) . A primeira estará adicada á presentación do proxecto e a segunda incluirá relatorios sobre os riscos costeiros en Galicia. Xa pola tarde, na terceira sesión da conferencia, exporanse experiencias no ámbito nacional e internacional.

Leave a Reply